Foz, 29 de setembro de 2021. A Escola de Música é un dos sinais de identidade de Foz. A crise pola que veu atravesando, por culpa da inacción do goberno local, era motivo de preocupación para a maior parte dos focenses, por non dicir para todos. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, expresa a súa satisfacción polo feito de que dita crise entre en vías de solución e pide explicacións ao alcalde, o socialista Fran Cajoto, en canto o contido do acordo que fai posible que Felipe Sánchez se manteña na dirección do centro. Castiñeira di: “Despois das informacións que acabamos de coñecer en canto a que o alcalde chegou a un acordo con Felipe Sánchez para que non deixe a Escola de Música, temos que dicir que esta é unha moi boa noticia. A verdade é que estamos contentos no PP de que se chegase a unha solución, aínda que, por agora, non coñecemos o contido do acordo nin se a AMPA está de acordo, pero o certo é que se desbloqueou esta cuestión”.
Os populares, di Castiñeira, están “dobremente contentos, porque grazas a acción política do PP, coa presión que exercemos tanto sobre o alcalde como sobre os seus socios de goberno, non tiveron outra opción que poñerse a traballar”. Engade: “Contentos e esperando que o alcalde nos informe hoxe, no pleno municipal, no que tiñamos anunciada unha moción de urxencia para instar ao goberno a solucionar o problema da Escola de Música”.
Castiñeira destaca que “é preciso que o alcalde dea explicacións de por que pasou todo isto, porque chegamos a este punto e se abriu unha ferida moi grande dentro da comunidade educativa da Escola de Música”. Sinala que “os focenses necesitan respostas, explicacións e desculpas do alcalde, especialmente nas persoas de varios profesores que foron acusados polo propio alcalde de ser eles os culpables desta situación”.
Castiñeira sostén que “quedan moitas cousas por saber e necesitamos que o alcalde dea explicacións no pleno de hoxe; é preciso que a partir de agora se normalice a situación na Escola de Música, que é o que queremos todos os focenses”.