Lugo, 28 de setembro, 2021. O BNG puxo o emprego e os dereitos laborais no centro de debate do pleno provincial ao redor do anuncio do peche de Vestas e urxiu ao Goberno do Estado “á derrogación urxente da reforma laboral para recuperar, entre outros dereitos, a necesidade de autorización administrativa previa para os ERE, que podería evitar o cesamento da actividade na factoría viveirense e o despedimento de 115 traballadores e traballadoras.
O voceiro nacionalista , Efrén Castro, incidiu en que a lexislación laboral, aprobada polo Partido Popular en 2012 e que manteñen PSOE e Podemos, puxo a alfombra vermella para un regueiro de peches de empresas e despedimentos que, só na Mariña, deixou na rúa un milleiro de persoas e ameaza agora a obreiros e obreiras de Vestas e de Alcoa.
“Con Vestas e Alcoa estase demostrando que estamos en mans das multinacionais, nin o goberno da Xunta nin o do Estado pintan nada. Con esta lexislación laboral, as empresas chegan, aproveitan os fondos públicos para engordar os seus beneficios, logo vanse e quédanos un hermo”, repasou o deputado nacionalista que falou dun “decenio negro para o emprego e a industria desde a reforma laboral”.
“Estamos dacordo en que fan falta investimentos na Mariña e un plan de reindustrialización e emprego, o BNG levao pedindo ano tras ano no Parlamento sen que se asigne nin un só euro, pero non é menos certo que o Goberno do Estado ten que cambiar a lexislación laboral para non estarmos en man de decisións de multinacionais”, explicou para argumentar a proposta, que saiu adiante cos votos de nacionalistas e socialistas.
O voceiro do BNG puxo en cuestión a eficacia da mesa de industria proposta polo conselleiro Francisco Conde e que os deputados provinciais defenderon no pleno, “ten tanta credibilidade coma Feijóo cando dixo que se gañaba as eleccións solucionaría o problema de Alcoa”, zanxou Efrén Castro.