Lugo, 27 de setembro, 2021. O Observatorio Nacional ODS da UNED ven de fallar os premios “ODS na Universidade”, resultando galardoados dous proxectos do centro universitario lucense cunha contía de 6000 euros: “PlanetaODS 2.0” e “FOZ 2030”.
As iniciativas premiadas están deseñadas no marco do proxecto #LugoNaturalMente dirixido por Ana Belén Traseira e Carlos García. Este proxecto arrancou na primavera do ano 2019 con unha tripla misión: a contribución e posta en valor do patrimonio natural da provincia, á loita contra o cambio climático e a divulgación da Axenda2030 da ONU.
Dentro da categoría de Centro Asociado, foi galardoada a iniciativa #PlanetaODS2.0 que presentou un extenso programa de iniciativas para a divulgación de efemérides medioambientais, sociais ou de vida saudable aliñadas coa Axenda2030. A precuela deste proxecto foi un referente de divulgación na provincia de Lugo alcanzando ás 50.000 visualizacións na rede.
Dentro da categoría individual foi distinguido o proxecto “FOZ2030”. Unha iniciativa para a creación dun estudio de índice ODS que permita elaborar un marco municipal en relación ás metas de desenvolvemento sostible marcadas pola Axenda2030. Unha das fortalezas desta idea é que implica unha aproximación novidosa da universidade á administración municipal lucense e que aspira a ser un modelo replicable noutros concellos da provincia de Lugo.
Así pois, o compromiso social da UNED de Lugo medra día a día, como amosa o fito de que que só dentro do proxecto #LugoNaturalMente se formaron máis de 1.500 persoas en 27 actividades vinculadas á Axenda2030, entre cursos, simposios, talleres, exposicións, paseos guiados, concertos, entrevistas, conferencias,…
Dentro deste proxecto están en marcha novas accións, coma a creación do Lugo Hub ClimateChange, a posta en marcha dunha Consultoría de Axenda 2030 para institucións e empresas, a entrega dos galardóns Embaixador/a #LugoNaturalMente ou a implantación da Oficina Aprendizaxe-Servizo ApS da UNED de Lugo.
Cabe resaltar a internacionalización do proxecto, a través de convenios con universidades estranxeiras, como a Universidade Agraria do Ecuador, coa cal se está deseñando o simposio UNED-UAE 2030, que está previsto que se celebre en novembro deste ano.
A UNED e o territorio, unha alianza histórica que debemos seguir regando neste novo marco histórico que nos tocou vivir, a era do desenvolvemento sustentable.
A provincia de Lugo ocupa unha situación privilexiada para consolidarse como un modelo de referencia global de desenvolvemento territorial ao que a UNED de Lugo quere contribuír coma un difusor decisivo de coñecemento co fin de acadar novas metas de benestar e prosperidade para todos os lucense.