A Mariña, 25 de setembro 2021. O deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, e a portavoz municipal do Bng en Viveiro Miriam Bermúdez, acompañados de cargos orgánicos e institucionais do Bng na Mariña asistiron á concentración convocada en Viveiro polo comité de empresa de Vestas, ante o anuncio da empresa de pechar a factoría de Chavín deixando a 115 traballadores e traballadoras na rúa. Amosaron a súa solidariedade coa plantilla e coas familias nestes momentos tan duros e manifestáronlle ao comité o apoio do Bng na súa loita e nas súas reivindicacións para manter os postos de traballo na fábrica de Chavín. Trasladáronlle tamén aos representantes dos traballadores as diferentes iniciativas que tanto no Parlamento de Galiza coma no Congreso dos Deputados van presentar nos próximos días.
Plan de emprego e industrialización para a Mariña
Ademais de amosar o apoio aos traballadores de Vestas, empresa que nos últimos anos xa reduciu a súa plantilla en Viveiro, desde o Bng inciden en que sigue agrandándose o mapa do desemprego na Mariña donde o proceso de desmantelamento industrial avanza a pasos axigantados. Esta situación acelerouse na última década deixando un regueiro de desempregadas e desempregados dunha punta a outra da Mariña, con peches e EREs de extinción de contratos coa perda de 1000 postos de traballo directos, en empresas referentes coma Ecar, Mobles Hermida, Sargadelos, Gres Burela, Construccións Mon…..e un longo etcétera que pecharon ou reduciron notablemente as súas plantillas, agravándose todo esto coa situación que atravesa a factoría de Alcoa en San Cibrao.
Esta sangría de desemprego e desindustrialización que medrou ao abeiro do goberno de Feijoo, o exterminador de emprego, condea á Mariña, unha comarca con múltiples recursos, a unha situación insostible. O Bng levou ao Parlamento de Galiza en varias ocasións propostas neste sentido e advertindo da situación que se lle viña enriba á comarca e pedindo un Plan específico e emprego e industrialización para a Mariña, que tal como afirmou Daniel Castro, ”hoxe faise mais necesario e urxente”.
Inzan a comarca de parques eólicos e pechan as fábricas de aeroxeradores
Desde a formación nacionalista demandan tamén a creación dunha empresa pública de enerxía e a reformulación do canon eólico, dada a falta de retorno económico da riqueza xerada pola produción enerxética para cos territorios donde están instaladas as empresas de produción de enerxía. A respecto desto levarán ao parlamento unha iniciativa, tal como anunciou o deputado mariñao Daniel Castro, quen tamén incidíu no que o Bng vén denunciando, que “o bum eólico só procura extraer a riqueza do noso territorio deixando unhas poucas migallas, inzando o país de parques eólicos pero pechando as fábricas de aeroxeradores coma neste caso, por eso o Bng defende un modelo enerxético social, xusto, sustentable e que xere riqueza e traballo na Galiza” afirmou.