A MARIÑA .- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adica 6 millóns de euros a mellorar estrada que une o límite de provincia e Viveiro, obra que ten un prazo de execución de 24 meses. A obra céntranse no estendido de mestura bituminosa en quente, drenaxe lonxitudinal e transversal, urbanización e colocación de sinalización
NOTA DE PRENSA
MEDIO AMBIENTE LICITA AS OBRAS DO REFORZO DO FIRME NA ESTRADA QUE UNE O LÍMITE DE PROVINCIA E VIVEIRO (LU-862) POR MÁIS DE 6 MILLÓNS DE EUROS
* As actuacións de mellora, que terán un prazo de execución de 24 meses, beneficiarán a máis de 23.000 habitantes das poboacións de Mañón, Vicedo, Viveiro e Xove
* As unidades de obra céntranse no estendido de mestura bituminosa en quente, drenaxe lonxitudinal e transversal, urbanización e colocación de sinalización
Lugo, 24 de xuño de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Sociedade Pública de Investimentos, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de reforzo do firme e mellora de interseccións na estrada que une o límite de provincia e a localidade de Viveiro (LU-862).
A Xunta de Galicia realiza unha achega económica de máis de 6 millóns de euros para a execución do proxecto de mellora de máis de 20 quilómetros de trazado. A actuación ten por fin primordial a xustificación e definición das obras que deben facerse para a mellora da seguridade vial na citada estrada, concretamente no intervalo comprendido entre os puntos quilométricos (pq) 69+360 ao 89+580.
As obras, que terán un prazo de execución de 24 meses, beneficiarán a máis de 23.000 habitantes das poboacións de Mañón, Vicedo, Viveiro e Xove. Cómpre sinalar que a vía mellora en varios treitos a súa sección transversal, xa que se disporán carrís centrais nalgunhas interseccións e habilitaranse lugares para facer cambios de sentido.
As obras previstas neste proxecto non implican a realización de expropiacións, polo que todas as solucións que se fagan estarán incluídas dentro da actual franxa de Dominio Público. Por este motivo, nos treitos nos que fose preciso ampliar a calzada a sección tipo axustarase ás dimensións desta franxa.
As unidades principais de obra centraranse na demolición de firme e explanada e o estendido de mestura bituminosa en quente. Tamén se levará a cabo a drenaxe lonxitudinal e transversal, a urbanización e reposición de servizos públicos. Ademais, o proxecto contempla a colocación de sinalización e balizamento.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mediante a colaboración técnica e financeira neste tipo de obras, pretende dotar a comunidade galega dunha rede viaria que permita aos usuarios unha condución segura e eficaz. Así, durante o mes de abril licitou obras en estradas da provincia de Lugo por un valor global de case 12 millóns de euros.