Lugo, 23 de setembro de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 100.000€ para acometer o proxecto que solucionará os problemas estruturais que presenta unha parte do paseo marítimo, un proxecto que leva tempo pendente de solución. O Concello achegará pola súa banda 15.611€.
José Tomé subliñou que esta colaboración económica con Viveiro é unha nova mostra do compromiso “que temos na Deputación co Concello e cos seus veciños e veciñas”, e que, sumada a outros investimentos, como o realizado a través do Plan Único, fai que a achega total transferida á entidade local mariñá se sitúe neste 2021 en torno aos 700.000€.
O convenio para o arranxo do paseo marítimo “é un claro exemplo dos bos resultados que ten para a cidadanía a colaboración entre administracións”, explicou o Presidente, pois a Demarcación de Costas, dependente do Estado, elaborou o proxecto; a Deputación de Lugo aporta o financiamento necesario para acometelo, e o Concello de Viveiro encárgase de licitar e executar as obras. “Sei que a Alcaldesa leva moito tempo preocupándose e pelexando por darlle unha solución a este problema do paseo marítimo, e para min é unha satisfacción poder colaborar dende a Deputación para que poida facelo e ofrecer, deste xeito, mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, engadiu o mandatario provincial.
Tomé Roca detallou que esta actuación servirá para resolver o deterioro causado polo basculamento do muro cara o mar, no tramo que se sitúa entre o quiosco e o Conservatorio de Música. “As obras van permitir corrixir eses defectos, garantir a seguridade e recuperar plenamente un entorno emblemático para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Viveiro, e para os moitos visitantes desta cidade que se ten consolidado como un importante destino turístico”, indicou.
O Presidente lembrou que o paseo marítimo de Viveiro “é un lugar de ocio e convivencia privilexiado, tamén un espazo para a celebración de actividades musicais ou culturais de todo tipo”. De feito, a propia Deputación celebrou en agosto neste entorno unha das xornadas do programa Saborea a túa provincia, dirixido a incentivar o consumo de produtos de proximidade e apoiar a economía local fronte ó impacto da pandemia.
O acto de sinatura do convenio tivo lugar no propio paseo, e, ademais do Presidente e da Alcaldesa vivariense e Deputada de Muller e Igualdade, contou coa presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, de concelleiros e concelleiras do Goberno local, e de veciños e veciñas de Viveiro.
En que consisten as obras
O proxecto contempla a reposición do tramo existente que está deteriorado, executando primeiro un baleirado e saneamento para proceder a reencher con materiais acordes e resistentes. Para o deseño da solución proposta tívose en conta a protección e a reposición do paseo existentes, é dicir, os condicionantes de deseño actuais en canto a dimensións e acabado.
Primeiramente faranse os movementos de terras e traballos previos e estenderase a base do pavimento. Logo, estenderase o pavimento dos adoquines e das lousas, e instalaranse os sumidoiros e a dotación eléctrica para o alumeado público.
Apoio aos traballadores de Vestas
No acto de sinatura do convenio de colaboración para solucionar os problemas estruturais do paseo marítimo, o Presidente aproveitou para reiterar o apoio e solidariedade, tanto en nome propio como no da Deputación, cos traballadores e traballadoras afectados polo anuncio do peche da planta de Vestas no municipio, así como coas súas familias, e co Concello de Viveiro.
Así mesmo, lembrou que dende a Deputación de Lugo “reclamamos que a Xunta de Galicia busque alternativas para manter o emprego e que impulse xa, de inmediato, un plan de reindustrialización para a comarca da Mariña e para toda a provincia de Lugo. Facelo é a súa obriga, porque, por Lei, segundo o Estatuto de Autonomía, é a Administración que ten as competencias en materia de industria”.
O Presidente lembrou que este pasado martes convocou unha Xunta de Voceiros e Voceiras na que os tres grupos políticos da Corporación provincial acordaron por unanimidade unha Declaración Institucional na que rexeitan a decisión de Vestas e se comprometen a traballar para paliar o antes posible o efecto desta decisión empresarial, tan negativa para os veciños e veciñas da provincia de Lugo.