Burela, 22 de setembro de 2021. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amosa a solidariedade de todo o pobo burelés cos traballadores de Vestas. O rexedor critica a facilidade e a impunidade coa que algunha firma decide pechar as súas instalacións dun día para outro. Llano aposta pola celebración dunha xuntanza de todos os alcaldes da Mariña para abordar esta cuestión e tentar minimizar os efectos que terá na comarca a situación pola que atravesan Vestas e Alcoa.
O rexedor dixo: “quero amosar a miña solidariedade, a do Concello e a dos veciños e veciñas de Burela cos traballadores da empresa Vestas en Viveiro, que acaban de comunicar que en pouco tempo vai ser pechada. De todo isto deduzo a facilidade coa que se fan estas cousas e a impunidade desas decisións”.
Alfredo Llano amósase contrariado por esa decisión de Vestas: “cando Galicia enteira é un solar para poñer eólicos en todos os lados agora vemos que as propias empresas que fabrican eses mecanismos toman a decisión de pechar sinxelamente por unha cuestión única e exclusivamente monetaria porque se desprazan a sitios onde cren que lles vai resultar máis barato”.
O alcalde de Burela subliñou: “quero amosar a solidariedade cos traballadores de Vestas e con todo o pobo de Viveiro e tamén fago unha solicitude, como lle teño comentado á alcaldesa viveirense, para convocar o antes posible unha reunión de alcaldes de toda A Mariña para tomar unha decisión en común e tratar de minimizar os efectos que se están a dar na cuestión industrial, tanto no referido a Vestas como ao de Alcoa, porque penso que debemos estar preparados para tomar decisións en firme e buscar solucións que melloren estas circunstancias de incerteza. Queremos apoiar todo o que sexa positivo para a industria na comarca e ofrezo a miña disposición para o que se decida facer mirando polos intereses comúns da industria na Mariña”.