Burela, 17 de setembro de 2021. Seguen en Burela as actividades da Semana Europea da Mobilidade. Hoxe pola mañá na Praza do Concello está o stand punto limpo e pola tarde na Praza da Mariña haberá un ensaio de ximnasia rítmica aberto ao público.
Mañá, sábado, está programada unha ruta xeolóxica pola Marosa e obradoiros de marcapáxinas, pintacaras e tattoos na Praza da Mariña, así como unha exhibición de baile de salón no auditorio da Casa da Cultura pola tarde.
O domingo será o día sen coches. Entre as oito da mañá e as oito da tarde estarán cortadas ao tráfico varias rúas: Pardo Bazán, entre as interseccións de Eijo Garay e Lamestra; Eijo Garay, entre Rosalía de Casto e Pardo Bazán; e Curros Enríquez á altura da rúa Castelao. Neses vieiros haberá xogos deportivos ao aire libre, xadrez na rúa e taller de cociña infantil. E na Praza da Mariña estarán instaladas mesas informativas das diferentes asociacións do pobo e haberá un taller de chapas, entre outras actividades.
O programa da Semana Europea da Mobilidade seguirá ata o vindeiro mércores, 22 de setembro.
Na xornada de onte, cando arrincou esta cita, houbo charlas de educación vial para o alumnado de 4º de Primaria dos Ceips de Burela, que foron impartidas por persoal da DXT. E tamén tivo lugar un obradoiro infantil creativo no que os asistentes fixeron pulseiras.
Desde onte e ata o domingo funciona un servizo de préstamo de bicicletas eléctricas na Praza do Concello en horario de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas.