Foz, 14 de setembro de 2021. Facilitar que os veciños poidan conectarse á Rede con facilidade nos principais espazos públicos debe ser, a estas alturas, un obxectivo de todos os gobernos locais. En Foz, o anterior goberno municipal, presidido por Javier Castiñeira, conseguiu fondos da Unión Europea para instalar este servizo en catro prazas. O actual equipo de goberno, co socialista Fran Cajoto á fronte, precisou máis de dous anos para poñer en marcha esta iniciativa. Pero, unha vez en servizo estes puntos de conexión a Internet por wifi, Castiñeira expresa “dende o grupo municipal do PP a nosa satisfacción, xunto coa do equipo de goberno, por esa posta en marcha das catro prazas públicas con wifi libre”.
Castiñeira sinala: “Queremos lembrar que este é un proxecto iniciado no ano 2019, polo anterior equipo de goberno, que conseguiu para este fin unha subvención da Unión Europea, de 15.000 euros”. Di que na provincia só foron dous os concellos que lograron esta aportación da UE: Vilaba e Foz.”
Os populares cren que “despois de dous anos e medio, era tempo abondo para poñer en marcha este servizo”. Castiñeira lembra que, “de feito, o PP preguntou varias veces neste mandato por ese proxecto”. Recoñece que “ultimamente xa non tiñamos moita fe en que se levara a cabo”. En todo caso, visto que vai adiante, é unha satisfacción para todos os veciños e veciñas, que poderán disfrutar desas prazas wifi”. Destaca que “era unha petición da anterior corporación, de grupos como Foz Plataforma de Futuro, que levaron varias iniciativas e traballouse de forma conxunta”.
Castiñeira entende que “non é xusto que o equipo de goberno se atribúa un servizo que xa se xestionou e se iniciou no anterior mandato por outro equipo de goberno, ao que non se cita na correspondente nota de prensa emitida polo goberno local”. É algo que cre que se debe a un exercicio de “mala vontade política”.