Burela, 11 de setmbro, 2021. As campioas irmandiñas superaron esta tarde o primeiro obstáculo da XV Copa Galicia impoñéndose con claridade ao Viaxes Amarelle FSF (0-6), en cuartos de final. Agora as semifinais agardan, onde o Pescados Rubén Burela se verá as caras co Ourense Envialia, que tamén superou hoxe a rolda, fronte ao Mosteiro Bembrive (2-4); o partido da ida está previsto para o 22 de decembro.
Aínda que o laranxa non luciu na súa indumentaria, o brillo burelista reinou de igual xeito esta tarde. O conxunto de Lucas estreou o electrónico con Leti Cortés (minuto 5), despois dunha boa ocasión do Amarelle entre Èlia e Candela. As burelistas tiveron a paciencia necesaria movendo o balón, elaborando e buscando as fendas. Tras a mellor das coruñesas, con Lau Doce no 12, fronte a Sandra Buzón, as da Mariña souberon como pechar o primeiro acto ampliando a vantaxe ata 0-4. Despois do 0-2 de Bea Mateos en rexeite no minuto 15, Emilly culminou un roubo laranxa en primeira liña, no 19, e Peque puxo a guinda a tan só 3 segundos da bucina cun gran control en pase longo e perfecta definición.
A capitá volveu poñer a súa firma no regreso, xa no minuto 22; o pau evitou a primeira tentativa da 7 laranxa, que non errou tras a caza do rexeite de Dany. O Amarelle non deixou de pelexar; Sandra Buzón estivo moi atenta ante Élia e Candela; tamén soubo como manter as distancias Jozi Oliveira na falta de Irune e un pouco máis tarde fronte a Yaiza. Cami, Elena Aragón e Ale de Paz protagonizaron algunhas das máis envelenadas pero o sexto, que se resistía, e foi a andaluza a que o sentenciou a falta de tres minutos para o final, culminando unha boa transición.
Ficha técnica
Viaxes Amarelle FSF: Leti Rojo, Lau Doce, Carlita, Irune, Candela, cinco inicial; tamén xogaron Patri Romaní, Èlia, Yaiza, Cris Lourés, María Gómez, Sandra, Laura Rivas, Marta Hermo
Pescados Rubén Burela FS: Sandra Buzón, Dany, Peque, Cami, M. Cortés, no cinco inicial; tamén xogaron Ale de Paz, Elenita, Bea Mateos, Elena Aragón, Emilly, Lara Balseiro, Jozi Oliveira
Goles: 0-1, minuto 5, M. Cortés; 0-2, minuto 15, Bea Mateos; 0-3, minuto 19, Emilly Cortés; 0-4, minuto 20, Peque; 0-5, minuto 22, Peque; 0-6, minuto 37, Elena Aragón
Árbitros: Juncal García // Mouro González
Incidencias: Partido de cuartos de XV Copa Galicia disputado no Sagrada Familia da Coruña, que gardou un minuto de silencio polo falecemento do fundador do club local, Severino Amarelle.