Foz, 10 de setembro de 2021. A deficiente xestión do goberno local de Foz ponse de manifesto de maneira continuada. Cando non é por unha causa é por outra. A concelleira popular Verónica Soto pon de relevo os problemas que causa o saneamento nalgúns puntos e a incapacidade do equipo de goberno para resolvelos. Soto sinala: “Auténtica chapuza e gastacartos son os adxectivos que se nos ocorren no PP para designar a obra que se fixo hai uns días diante das instalacións do club náutico, concretamente en Porto Chico. O equipo de goberno dixo que ía a solucionar os problemas de desbordes e vertidos nesa parte do saneamento e visto o que pasou nestes últimos días cos primeiros trebóns, non é que non funcionara, e que cremos que está peor, porque incluso se levantou o asfalto que acababan de botar poucos días antes”.
A mesma concelleira manifesta: “Lamentablemente esa non é a solución; a solución pasa por avanzar na nova depuradora, que é o único proxecto que soluciona ese problema e moitos outros que ten o concello de Foz de saneamento e de contaminación ambiental. Polo tanto, pedimos ao equipo de goberno que explique quen deseñou esa actuación e canto custou. Pedimos máis seriedade, porque as cousas do pobo non se resolven con camisetas de “salvemos as rías” ou con propaganda de dous días”.
Os populares din que “ao final os problemas hai que solucionalos de verdade, porque senón, en vez de resolvelos, afóndanse”. Consideran que “este ano o pobo estivo sucio, non se limparon os sumidoiros, entulláronse e iso xerou os problemas de desbordes deste últimos días: falta de limpeza, falta de programación e sobre todo falta de humildade”.
Verónica Soto manifesta: “O PP no seu día propuxo que se deseñase un plan de emprego para solucionar eses servizos básicos e non ter estes problemas de limpeza. O equipo de goberno ten que desculparse por gastar uns cartos que estaban mellor investidos noutras cousas. Aconsellámoslle que traballen para sacar adiante a nova depuradora; agora está nas mans do equipo de goberno que ten que aprobar no pleno e comprar os terreos e a partir de aí a Xunta de Galicia licitará este proxecto, no que leva traballando PP durante moitos anos”.