RIBADEO (FNC) . O presidente de ACISA e CCA, Francisco Iriarte, asistiu esta tarde no salón de plenos do Concello de Ribadeo á entrega dos premios aos gañadores da quinta edición de Ribadeo de tapeo, dos diplomas aos 49 participantes nesa cita gastronómica e á tamén entrega de agasallos aos clientes premiados.
ACISA e CCA encargáronse de premiar a entrega dous vales de 100 euros para gastar nos establecementos asociados a dous dos tres larpeiros de ouro, así como unha estancia dun fin de semana nun balneario ou casa de turismo rural valorada en 500 euros, e outro vale de compra por importe de 100 euros.
Ademais, Cero Un fixo entrega dunha cámara de fotos ao primeiro larpeiro de ouro deste 2010; PC Custo regalou un MP4; Gráficas Santiago un lote de libros e Adegas Ribeirao un lote dos seus produtos.
Iriarte agradece “aos locais de hostalería a súa participación en Ribadeo de tapeo, porque esta cita serve para darlle máis vida á localidade durante a semana de celebración e porque todos os locais se esmeran por presentar as súas mellores tapas á clientela. E ao público gustaríame darlles as grazas por saír por Ribadeo, por achegarse ata aquí e gozar desta cociña en miniatura. Os máis larpeiros tiveron tamén o seu premio”.
A xerente do Centro Comercial Aberto de Ribadeo, Beatriz Irigoyen, destaca “a colaboración que establecemos co Concello para estar presentes no concurso e estamos encantados con que sexa un dos nosos asociados o gañador do V Ribadeo de tapeo. Desde o CCA felicitamos a todos os establecementos pola súa participación, porque sen eles isto non sería posible”.