Viveiro, 9 de setembro de 2021. Dende a Concellería de Benestar Social do Concello de Viveiro lémbrase a toda a veciñanza que está aberto o prazo para participar no Programa de Termalismo do IMSERSO ata o vindeiro 1 de outubro de 2021. O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Viveiro ofrecerá asesoramento e axuda para realizar a solicitude no programa.
O Programa de Termalismo proporciona o acceso aos tratamentos termais, contribuíndo con iso a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, así como a promoción do envellecemento activo, a mellora da saúde e a prevención da dependencia.
Os programas cofináncianse polo usuario e polo IMSERSO. A achega do IMSERSO poderá oscilar entre o 20% o 50% do custo do servizo, atendendo aos tipos de tempadas e quendas.
REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN:
Ser pensionista de xubilación ou incapacidade permanente do Sistema de Seguridade Social español.
Ser pensionista de viuvez con cincuenta e cinco ou máis anos de idade do Sistema de Seguridade Social español.
Ser pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, con sesenta ou máis anos de idade do Sistema de Seguridade Social español.
Ser persoa asegurada ou beneficiaria do Sistema da Seguridade Social español, con sesenta e cinco ou máis anos de idade.
Igualmente, poderán participar nos programas as persoas de nacionalidade española, que residan no estranxeiro, sempre que perciban unha pensión do Sistema de Seguridade Social español e conten coa idade esixida.
Tamén poderán ser persoas adxudicatarias das prazas, como acompañante, o cónxuxe ou, no seu caso, a parella de feito ou persoa coa que se constitúe unha unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade á conxugal, sen necesidade de que estes reúnan algún dos requisitos esixidos.
Así mesmo, poderán ser persoas adxudicatarias de praza, os/ as fillos/ as con discapacidade, en grao igual ou superior ao 45 por cento, sempre que a quenda desfrútena cos seus pais e alóxense na mesma habitación.
PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:
Para a presentación destas novas solicitudes disponse dos seguintes medios:
Pola súa sinxeleza, rapidez e seguridade, recoméndase a presentación de novas solicitudes de forma telemática a través da sede electrónica do Imserso. Descargando da páxina web do Imserso ou na sede electrónica do Imserso o modelo de solicitude de participación para a tempada 2021-2022.
No Departamento de Servizos Sociais do Concello de Viveiro ubicado nos Claustros de San Francisco, mediante cita previa solicitada a través do seguinte teléfono de contacto: 982550421. Dende este Departamento axudarase aos veciños e veciñas que así o precisen a cubrir o formulario ou a resolver as dúbidas que teñan a este respecto.
Para mais información recoméndase consultar as seguintes páxinas web de interese:
https://www.boe.es/boe/dias/2015/08/10/pdfs/BOE-A-2015-8941.pdf
https://www.boe.es/boe/dias/2021/08/31/pdfs/BOE-A-2021-14314.pdf
https://www.imserso.es/imserso_01/envejecimiento_activo/termalismo/descarga_documentos/index.htm