Ribadeo, 2 de setembro de 2021. Acisa Ribadeo cualifica de excepcional a tempada de verán. A patronal ribadense considera que a pesares das circunstancias e das restricións foi un verán moi bo no tocante á actividade turística e á repercusión na economía local.
Francisco Iriarte, presidente de Acisa, sinalou que “a pesar da situación epidemiolóxica e das restricións sufridas desde Acisa Ribadeo consideramos que foi un verán que respondeu ás expectativas. Ben é certo que as restricións afectaron en determinadas datas á capacidade de traballo, pero os datos son realmente positivos mellorando os do ano 2020”. E subliñou: “podemos dicir que Ribadeo segue sendo un referente turístico, comercial e gastronómico, desde Acisa estivemos traballando intensamente para logralo e grazas a iso concedéronnos este mesmo verán un accésit dos premios nacionais de comercio interior, na categoría de centros comerciais abertos, converténdonos así nun referente nacional do asociacionismo empresarial e a dinamización comercial e hostaleira”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “segundo os datos que manexamos a ocupación hoteleira rozou o 100 %, as reservas en restauración fixeron encher os comedores mesmo en varias quendas para as ceas e comidas e as terrazas dos bares estiveron sempre cheas, tendo en conta os límites de capacidade, por suposto. Outros datos moi significativos son por exemplo as pernoctas nos hospedaxes regrados, no mes de xullo roldaron os 10.000 hóspedes en todo o mes. Isto indica que os datos do mes de agosto foron similares ou maiores. Outro dato significativo é por exemplo que algunhas estacións de servizo recuperaron cifras de venda de combustible do ano 2019”. E engadiu: “en relación ao comercio os asociados e asociadas indícannos que foi unha boa tempada e que a campaña de rebaixas funcionou moi ben. As expectativas para o outono son boas, en boa parte grazas á volta ao cole e ao impulso que se espera que dea a campaña das panchas do Concello de Ribadeo”.
Para o presidente e o xerente de Acisa “sen dúbida foi un bo verán, podía ser mellor por suposto, pero nas actuais circunstancias debemos de cualificalo como moi positivo. Sen restricións estariamos a falar do mellor verán en anos, as rúas estaban cheas de xente con bolsas de compras, para coller terraza había que facer cola, para comer se non tiñas reserva era imposible…”.
Campaña para a Volta ao Cole
Iriarte Quintana anunciou que “xa temos lista a programación de setembro e estamos a traballar na do último trimestre deste 2021. En setembro pretendemos axudar á desestacionalización do turismo e ao fomento das compras co obxectivo de alongar así a tempada de verán ata outubro. Farémolo principalmente coa actividade Ribadeo 4×4, en colaboración coa Área de Turismo do Concello de Ribadeo, e coa nosa campaña para a Volta ao Cole con Acisa”.
O xerente de Acisa contou que “hoxe presentamos a campaña para a Volta o Cole coa que pretendemos recordarlle á veciñanza que non hai mellor lugar para facer as compras desta tempada que no comercio local de Ribadeo, onde encontrarán todo o que necesitan como roupa, calzado, material escolar, electrónico, … Tratase dunha campaña de promoción e de entrega de materias, que consta de cartelería e tarxetas de prezos para aqueles negocios que o soliciten, unificando así a imaxe do comercio de Ribadeo e aforrándolles custos aos establecementos asociados. A isto compre engadir as Panchas do Concello de Ribadeo, que como saben por 30 euros reciben 40 panchas para consumir nos locais adheridos ata o 31 de decembro. Isto sen dúbida creemos que será unha moi boa forma de fixar e fidelizar clientela nesta tempada de gran consumo, cando a xente se prepara para á volta ao colexio, ás universidades, aos traballos…”.