Lugo 31 de agosto. Adiaratou Iglesias vén de facerse coa medalla de ouro nos 100 metros T13 (discapacidade visual), unha boa nova que o Deputado de Deportes, Efrén Castro, quixo poñer en valor dando os parabéns á atleta lucense.
Lugo sitúase no cumio do medalleiro “cunha campioa paralímpica que acaba de dar unha lección de superación e sacrificio con este ouro do que nos sentimos plenamente orgullosos”, subliñou Castro en alusión a “unha provincia que está a celebrar a un tempo o debut e o éxito de Iglesias en Tokio, lugar do que volverá pola porta grande, como merece”.
Despois de acadar dúas pratas (100 e 200 metros) no Mundial de Dubai hai dous anos, así como a dobre coroa en 100 e 400 metros no Europeo, Iglesias sube outro chanzo ata a cima dos Xogos Paralímpicos. “Este éxito con sabor lucense lémbranos que mulleres como Adiaratou teñen detrás unha historia de loita por ter superado moitos obstáculos, circunstancia que a converte nunha referente lucense, galega e mundial”, afirmou Castro, considerando o ouro da atleta como “a confirmación do potencial que hai no noso territorio e a grande oportunidade que temos de ensinar ás xeracións mozas o importante que é o deporte, o compromiso, o esforzo e a constancia”.