Lugo, 28 de agosto de 2021. O Partido Popular da provincia de Lugo continúa avanzando no procedemento regulamentario de cara ao seu 18 Congreso que se celebrará o domingo 19 de setembro: abre o prazo de inscrición de compromisarios e inicia as reunións para escoitar as ideas de sectores e axentes estratéxicos para incluír as súas achegas ao comunicado que pronunciará a deputada autonómica Cristina Sanz.
A coordinadora do relatorio que leva por nome ‘Un proxecto de Partido. Un proxecto para Lugo’ está a recoller as aportacións de distintos ámbitos sociais e o luns dará inicio a unha semana de reunións programadas que se desenvolverán de forma presencial ou telemática. “Estas xuntanzas de traballo permitirannos escoitar as achegas dos representantes de colectivos empresariais, da madeira, da hostalería, do sector pesqueiro e do ámbito do turismo representado polos distintos xeodestinos da provincia”, apuntou Sanz.
A relatora explica que “estamos a manter contactos tamén con organizacións do sector lácteo e gandeiro e continuamos a recoller as achegas dos afiliados e membros do Partido Popular da provincia de Lugo en materia sanitaria, xuvenil e de igualdade”. Lembra, así mesmo, que continúa a disposición de calquera afiliado ou veciño da provincia o buzón de suxestións ‘Únete ao noso proxecto’ habilitado na web: https://ppdelugo.es/a-tua-opinion.
Cristina Sanz engade que “estas tomas de contacto co tecido social e económico da provincia forman parte do proceso participativo e aberto á sociedade”. Así fora anunciado pola propia relatora tras manter unha reunión de coordinación cos membros do Comité organizador do 18 Congreso. O obxectivo destas reunións é o de “incorporar ao comunicado as ideas dos distintos ámbitos sociais para abordar os retos de futuro da provincia”.
Inscrición de compromisarios
Os afiliados inscritos como electores dispoñen dende este sábado 28 de agosto ata o mércores 8 de setembro para inscribirse como compromisarios e depositar directamente o seu voto na urna o propio día do cónclave provincial. A inscrición debe formulala ante as xuntas directivas das agrupacións locais tal e como recolle o regulamento do Congreso dispoñible na web do partido: https://ppdelugo.es/reglamento-del-xviii.
Trala proclamación dunha única precandidata, a actual presidenta, Elena Candia; non será necesaria a consulta aos afiliados de apoio aos precandidatos e, polo tanto, o Comité Organizador do Congreso acordou que nas asembleas locais a celebrar o 14 de setembro só será necesario establecer unha urna para a elección de compromisarios, cando o número de candidatos supere ao número de compromisarios a elixir.
Tal e como se acordou na reunión da Xunta Directiva Provincial celebrada o 20 de xullo, deberanse elixir un total de 600 compromisarios designados polas agrupacións locais atendendo a un reparto outorgado un número en función do nivel de afiliación e dos porcentaxe de votos obtidos nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia. A estes hai que sumar 18 de NN.XX. e os que son natos – todos os membros da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Lugo, 141, e os membros da Comisión Organizadora do Congreso que non pertencen á Xunta Directiva Provincial, 6- que suman un total de 765 electores.