Madrid, 24 de agosto de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para lograr a mellor ambiental e a posta en valor da Ría de Ribadeo e demanda a implicación da Administración estatal. Recolle así as propostas do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e demanda a colaboración do Estado para, en primeiro lugar, conseguir o saneamento da Ría e a protección das especies autóctonas; e, por outra banda, unha actuación no turístico deportivo coa creación dunha senda que dea continuidade ao camiño que vai desde o Faro da Illa Pancha até o muíño de mareas das Aceas.
A Ría de Ribadeo saltou hai uns meses á palestra pública sobre o seu topónimo, a instancia do Principado de Asturias mentres se intentaban desviar os esforzos sobre as verdadeiras necesidades da Ría: “a recuperación ambiental e a posta en valor deste espazo natural” reivindica o deputado nacionalista. Rego considera “fundamental” a implicación do Estado como “elemento que vertebre as actuacións por tratarse dun ámbito fora dos límites administrativos da Galiza”.
En primeiro lugar, nas iniciativas rexistradas pola formación nacionalista destacan a necesidade de continuar coa substitución de especies invasoras e non autóctonas en ambas marxes da Ría de Ribadeo. Na marxe galega xa se están levando a cabo proxectos de recuperación de especies autóctonas propias do entorno en detrimento de outras foráneas como o eucalipto.
Así mesmo, como segunda actuación no plano ambiental, o deputado do BNG reclama que se poñan en marcha as actuación para a mellora integral do saneamento das augas residuais e eliminar calquera vertido contaminante que poida existir no entorno. “En pleno século XXI, nun espazo protexido como este, non pode ser que se estean a producir os vertidos actuais de augas residuais sen que sexan sometidas a un proceso previo de depuración” critica Rego.
Por outra banda, o deputado propón a creación dunha senda verde polo antigo trazado do tren mineiro de Vilaoudriz-Ribadeo con conexión cos Concellos de Trabada, San Tirso de Abres e A Pontenova a modo de ruta circular. “Cabe destacar que na marxe galega xa existe un tramo inicial de aproximadamente 5.6 quilómetros que chega desde o Faro de Illa Pancham pasando pola praia dos Bosques até chegar ao muíño de mareas das Aceas e na marxe de Asturias cóntase con outro de 5 quilómetros que une os núcleos de poboación das Figueiras e Castropol” lembra Rego.
Esta medida para a posta en valor do espazo natural posúe un elevado valor turístico e deportivo e permitiría a conexión destes municipios galaico-asturianos que suman máis de 20.000 persoas. “Isto significaría a implantación dun importante motor económico en canto ao sector turístico neste tempo post-covid onde cobrará vital importancia desfrutar dos espazos naturais e contribuirá a atraer turistas durante todo o ano” explica o deputado nacionalista.