‘Auga para todos’ é o titulo dun libro de divulgación de Francisco Díaz-Fierros Viqueira publicado hai catro anos. Ou sexa, pouco despois de que o presidente de Nestlé non tivera reparos en dicir publicamente que pola auga había que pagarlle a quen a tivera, que de ben común, nada: ben propio, apropiado. E catro anos antes de que en Galicia se fixera patente o baleirado dos encoros para producir de xeito barato unha enerxía eléctrica que se vende cara, con beneficios que deixan tamén cara de lelo a quen vive con miramentos de esguello o fin de mes.
Neste verán – crucemos os dedos, que aínda non rematou – a traída de augas a Ribadeo non sufriu ningunha avaría importante pese á súa vellez e ás reclamacións que periodicamente se fan para a súa renovación.
Co anterior, temos xa varias das bases que se deben considerar ó falar dun xeito máis ou menos serio sobre a auga. Por unha banda, o coñecemento do seu ciclo, os usos, cantidades, distribución ou posibilidades; é dicir, a súa consideración como recurso escaso que é necesario estudar. Por outra, a posibilidade de apropiación en exclusiva da auga; non en van foi o ben escollido por Edward Bellamy para a súa obriña ‘O Mercado’, como alegoría e como unha posibilidade real. E máis, as guerras que xorden de intereses contrapostos como entre auga para beber, para regar, para producir enerxía ou outros usos posibles; guerras feitas con tanques como en oriente medio ou con cartos como en California, pero guerras auténticas. E aínda a consideración e necesidade das redes de aproveitamento, o seu deseño, a súa conservación… para poder asegurar o seu subministro mesmo en lugares tan pouco sospeitosos de escaseza de auga como é Galicia.
Volvendo ó título, Se a auga nos é necesaria a todos, deberamos ter auga para todos. Esa é a idea de base para facer un estudo sobre ela, e de aí o título escollido por Díaz-Fierros para un libriño moi interesante e ameno. Non vale que alguén se apropie da auga e deixe ós outros morrer de sede. É un ben común, e hai que distribuíla como tal. Procurando solucións en común, e fuxindo do ‘teño unha solución, por que non se implanta?’, cando a realidade é que ten un interese e unha solución só para o seu interese, á súa medida.
En Galicia non estamos moi afeitos – fóra do ‘se chove, que chova’, episodios de seca que noutros lugares tomarían a risa ou rogativas aparte – a tratar sobre a auga. Eu aínda lembro ter ido á fonte na procura de caldeiros con auga, algo que na nosa terra, e salvo casos puntuais mesmo con avaría de por medio, está esquecido aínda en aldeas sen conexión coa rede pública: de xeito individual ou colectivo dun grupo de veciños, soe estar arranxado o problema dende hai tempo. Mais a abundancia de auga é enganosa: non é o mesmo que haxa auga a que a podamos aproveitar para o que queremos. E episodios como o baleirado dos encoros lémbrannos que máis aló de casos puntuais de escaseza, a auga na nosa terra segue a ser un ben a administrar, aínda que non sexa tan escasa como noutros lugares da nosa Terra. Que o bo aproveitamento, a eliminación de contaminación, o rexir o seu uso… son tamén materias pendentes por estes lares.