Viveiro, 20 de agosto de 2021. O goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, ten sobradamente demostrada a súa falta de iniciativa e de capacidade de planificar para renovar paulatinamente as infraestruturas de auga e saneamento e as calzadas alí onde a cidade presenta carencias deste tipo. Os que pagan as consecuencias desta incapacidade, como sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, son os veciños, que, pola inacción municipal, perden calidade de vida. Un destes casos é o dos residentes na calella Granxas, que sae da rúa de igual nome, que reclaman a renovación das redes de auga e sumidoiros e a mellora do pavimento.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, destaca que este apéndice da Rúa Granxas dá acceso a varias vivendas. Segundo aseguran algúns veciños, hai vinte anos que non se levan a cabo melloras nesta vía.
A calella, ou camiño, Granxas ten as redes de auga e sumidoiros en mal estado, de maneira que, cando chove con intensidade, prodúcense inundacións. “É hora -sinala Rodríguez- de que o goberno municipal atenda as necesidades destes veciños, porque como ocorre con moitos outros de Viveiro, en xeral, e de Covas en particular, sofren as consecuencias da inacción do goberno presidido pola señora Loureiro”.
Rodríguez di: “É tempo de que o goberno municipal se tome en serio a necesidade de renovar aquelas partes da cidade que, por un motivo ou por outro, teñen deficiencias que inciden negativamente na calidade de vida dos veciños. A señora Loureiro ten que asumir a súa responsabilidade e facer os deberes, porque ten moitos pendentes”.