Burela, 19 de agosto, 2021. Bruno García Cadaveira (Burela, 2001), outra promesa da casa, asumirá a súa segunda tempada no equipo de Primeira RFEF. O novísimo porteiro, que asina o seu primeiro contrato como profesional, volverá defender a rede xunto ao internacional polaco Michal Kaluza.
Pouco a pouco Bruno conseguiu atopar un sitio no Pescados Rubén Burela FS; con el serán 6 as Xoias para 2021-22, con Iago Míguez, Renato, Nito, Pitero e Renatinho. Despois de cambiar o chip e dar o salto ao fútbol sala profesional agarda un ano cheo de aprendizaxe: “Foi un ano complicado, cuns primeiros meses difíciles física e mentalmente; foi un cambio moi grande, coincidindo ademais coa saída do confinamento. Xa tivera a oportunidade de compartir vestiario sendo xuvenil, pero houbo un gran salto de esixencia e profesionalidade no que todos os compañeiros me axudaron moito, sobre todo Edu e Michal e os xogadores que tamén medraron na base do club. Dende mediados de tempada xa me atopei moito máis cómodo, integrado na dinámica de equipo sénior, así que creo que empezo ben, con ganas para seguir medrando e superarme día a día”, confesaba o 19 mariñán, moi mentalizado de que só con traballo e sacrificio se obteñen froitos: “Tocoume unha gran xeración na estrutura de base, tiven moitísimo apoio no meu equipo de xuvenís. Primeira División vese como un horizonte moi afastado, pero tiven a fortuna de poder ir entrando pouco a pouco nos adestramentos dende xuvenil de primeiro ano. Con traballo e sacrificio pode conseguirse” aseguraba a Xoia Laranxa.