BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, valora de xeito positivo a colaboración da Deputación para arranxar os danos causados polos temporais, pero insiste na necesidade de actuar nas estradas provinciais porque están moi descuidadas.
Fuente Parga relatou que “na xuntanza se falou dos equipos de riego e das niveladoras para limpar as cunetas que quedaron afectadas polas inundacións. Por un lado valoramos positivamente esa colaboración, pero por outro e no meu caso eu lle pedía á Deputación que o que ten é que actuar nas súas estradas, non se pode esperar a que se produzan inundacións e danos deste tipo para actuar”.
O rexedor barreirense agradece “a colaboración para arranxar as estradas locais, e lle insistimos en que hai que traballar algo nas provinciais. Os catro viais que baixan ás praias de Barreiros son de titularidade provincial así como o que baixa de Trabada ou o que vai de Vilamar a Gondán e que pasa por San Xusto, xa denunciamos no seu día o estado no que estaban, hai que actuar neles de forma contundente, necesitan dunha obra moi importante”.
Fuente Parga engade que “nós moito nos tememos que cos 800.000 euros dos que falaba o presidente se poida facer moito porque é unha rede moi importante. Tamén lle dixemos que nestes tres anos de bipartito na Deputación non se fixo máis que o mantemento nas estradas, non se puxo aglomerado novo nin nada… nós insistimos moito en que non se pode esperar aos danos dunhas inundacións para facer uns bacheos. Con todo valoramos positivamente que nos deixen os equipos ainda que os operarios os poñen os Concellos, pero que non descuiden a rede viaria provincial porque está moi descuidada”.