Viveiro, 13 de agosto de 2021. O Concello de Viveiro acolle desde este venres e ata o luns nos Xardíns Noriega Varela a Feira do Libro ‘Libros no Camiño’, cunha ampla oferta cultural e encontros con diferentes escritores e escritoras.
O pregón infantil correu a cargo de Lucas Fernández Sierra, correspondendo o pregón da feira á escritora Arantza Portabales, que presentará ademais hoxe en Viveiro a súa última obra, ‘La vida secreta de Úrsula Bas’, unha historia cargada de intriga e suspense.
No acto de inauguración, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou que “coa celebración desta feira abrimos de novo unha fiestra, a da promoción da lectura e o libro, que para o noso concello é unha prioridade de goberno”.
“Durante os próximos catro días, nestes Xardíns de Noriega Varela asistiremos ao encontro entre os escritores e escritoras que participarán na feira e os seus lectores, un momento sempre máxico para compartir as experiencias vividas arredor dunha obra literaria”, engadiu.
En palabras da alcaldesa de Viveiro, “os libros son potentes armas de coñecemento e serven para educar o noso espíritu crítico e darnos ferramentas para actuar na nosa vida, por iso animo a todo o mundo a pasear pola feira descubrindo as últimas novidades do sector editorial”.