Santiago de Compostela, 7 de Agosto 2021. O prezo do leite que se lle paga os gandeiros e gandeiras volve estar por debaixo dos custes reais de produción que, para colmo, están á alza polo incremento da factura da luz doutros consumos como os concentrados ou os carburantes. Pese a este contexto, a Xunta está ausente polo que o BNG acusa á Consellería de Medio Rural de desatenderse das e dos produtores lácteos do País ante un problema que se repite.
“O problema do prezo do leito mantense no tempo porque é utilizado como produto reclamo polas cadeas de distribución, de tal xeito que o que paga o consumidor non se corresponde cos custes reais de produción”, explica o portavoz parlamentario de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, unha situación á que se suma ás cláusulas abusivas que impoñen algunhas industrias nos contratos cxs gandeirxs.
“As grandes industrias lácteas de transformación nos contratos de recollida do leite inclúen cláusulas abusivas, mesmo mafiosas, polas que o gandeiro afirma que o prezo que lle pagan por litro cobre os custes de produción”, explica, “algúns contratos chegan a incluír unha cláusula de confidencialidade para que o asunto non se faga público, nin para as organizacións sindicais nin para os xulgados, baixo a ameza de que senón asinas, non che recollen o leite”.
Ademais dun abuso, é tamén unha argucia para finxir que se cumpre a Lei da cadea alimentaria que impide fixar prezos por debaixo do custe de produción, indica Rivas. “Así, como por arte de maxia, a industria cumpre cunha lei que prohibe esa práctica, lei estatal que non aclara nin como, nin quen fixa os custes básicos”, denuncia.
E todo isto, sen que nin o Goberno central poña mecanismo para que haxa un cumprimento real da normativa, nin o Executivo de Feixóo se implique co sector. “O PSOE di que xa cumpriu aprobando a lei e o PP alega que non se pode intervir no mercado, pero mentres fai esta afirmación a Consellería de Medio Rural subvenciona á industria de transformación, como pasou recentemente con 26 millóns de euros repartidos en febreiro, pero iso non o considera intervención”, ironiza.
Rivas destaca, ademais, que a caída do prezo do leite prodúcese nun momento de subida dos custes debido, entre outros factores, ao “atraco” da factura da luz. Neste contexto, o Bloque fai unha dobre proposta: determinar o custe de produción desde o público e que a Consellería de Medio Rural exerza de árbitro entre gandeirxs e industria.
“O BNG reclama a urxente posta en marcha dun organismo público galego que estableza os custes reais de produción que dea amparo ás explotacións de leite, un cometido da Xunta pero do que o Goberno de Feixóo desertou desde 2009”, explica. Rivas destaca que co BNG na Consellería de Medio Rural, “esta función de protección do produtor viña dada polos contratos homologados e pola Mesa do Leite”.
Neste sentido, subliña, “o Goberno galego ten a obriga de exercer a arbitraxe e de exercer presión a favor dos e das produtoras, do mesmo xeito que reparte millóns entre a industria leiteira para melloras, obras e demais”. O Bloque apoia as mobilizacións do sector ante esta situación ao tempo que reclama a posta en marcha de medidas “que fagan do lácteo unha actividade económica que fixe poboación no rural, facilite a xestión do territorio e proporcione riqueza e emprego”, conclúe.