Cervo, 5 de agosto de 2021. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Cervo o polígono de Cuiña ao que o Goberno galego apoia con diferentes liñas de axudas para ofrecer oportunidades ás empresas e emprendedores asentados e tamén para facilitar a captación de novos investimentos.
Así, a Administración achega 240.000 euros –case o 76%– dos 317.000 euros que vai investir este ano o Concello para a construción de beirarrúas na marxe dereita da vía de acceso principal, con canalizacións para soterrar nun futuro a rede de alumeado público e o saneamento; e tamén para a instalación dunha cuberta para tarefas de clasificación e separación de residuos do polígono. En total, desde o 2009 as axudas autonómicas concedidas a Cervo suman máis de 831.000 euros e mobilizan máis de 1M€.
Estas axudas enmárcanse na liña posta en marcha polo Goberno galego para a mellora das infraestruturas nos polígonos empresariais e para a creación de viveiros industriais, dúas liñas de axudas que nos últimos doce anos levan permitido apoiar 627 proxectos de acondicionamento de infraestruturas en Galicia e a implantación de 13 viveiros nos últimos cinco anos.
Ente ano, a Xunta destina 4,12M€ a melloras e infraestruturas nos polígonos de 51 concellos galegos, dos que 38 son Concellos Emprendedores como é o caso de Cervo. Na provincia de Lugo, en concreto, apoiáronse nove proxectos a través dun investimentos de máis de 680.000 euros, e entre os seis viveiros que se van financiar –cun investimento de 1,3M€–, catro están nesta provincia –polígonos do Corgo, Paradela, Monforte de Lemos e Bóveda–.
O obxectivo fundamental destes apoios, sumados a recursos legais como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica, é axudar ao tecido produtivo e, máis concretamente, ás áreas empresariais galegas, que concentran unha gran parte dos recursos da Administración galega porque nelas tamén se concentra o pulmón da economía.