Viveiro, 30 de xullo, 2021. Unha persoa resultou ferida, esta tarde, tras verse implicada nunha colisión múltiple, entre catro vehículos, no concello de Viveiro.
Segundo trasladaba ao 112 Galicia un particular, o accidente produciuse, ás dúas e media da tarde, na estrada LU-862, ao seu paso pola parroquia de Celeiro. No transcurso desta chamada, o alertante sinalaba que se trataba dunha colisión por alcance, con catro vehículos implicados, e que, nese momento, estaban a entorpecer a circulación.
Recibida esta información, os xestores do 112 Galicia deron aviso á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Viveiro, á Policía Local e ao Servizo Municipal de Protección Civil do municipio.
Xa no punto, o persoal de emerxencias desprazado ata o lugar comunicou que era necesario persoal sanitario para asistir ao condutor dun dos coches implicados.
Así pois, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo os feitos en comunicación dos servizos sanitarios que, finalmente, tiveron que trasladar a unha persoa ferida ao centro hospitalario de referencia.
A maiores, dende o 112 Galicia tamén se solicitou a intervención do servizo de mantemento de estradas para restablecer e garantir as condicións de seguridade da vía.