SANTIAGO .- A Consellería de Sanidade vén de enviar unha carta ao Goberno, a través da súa Delegación en Galicia, na que lle solicita información sobre a posible utilización onte do heliporto do Hospital da Costa (Burela) por membros do Executivo do Goberno de España sen que existira a correspondente comunicación de solicitude, nin a necesaria autorización da Xerencia do Hospital, nin mediara ningunha comunicación ao xefe da Garda deste hospital.
Dende o Servizo Galego de Saúde tense demandado á Xerencia do centro un informe pormenorizado do acontecido, se ben xa se ten verificado que non existiu notificación nin solicitude de utilización da instalación. Segundo informou o hospital, a aeronave permaneceu aterrada durante varias horas da tarde de onte no heliporto do centro, o que supuxo o bloqueo desta instalación para o uso preferente ao que está destinada.
O heliporto do Hospital de Burela forma parte da rede de emerxencias sanitarias de Galicia, polo que o seu uso está concibido para dar servizo sanitario e de emerxencias, e a súa xestión debe estar supeditada á operatividade do 061. Calquera necesidade circunstancial que poida xurdir debe respectar estes criterios, ser comunicada con antelación e recibir o permiso correspondente.
Este é o motivo de que a Consellería de Sanidade, a través da presidencia do Sergas, se teña dirixido á Delegación do Goberno para, en aras da colaboración institucional que sempre debe prevalecer nas relacións entre Estado e Comunidade Autónoma, demandar información sobre as circunstancias e os feitos acontecidos e reclamar a adopción de medidas que eviten nun futuro a alteración do funcionamento dos servizos de emerxencia sanitaria.