CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acaba de dirixir un escrito ao responsable da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, para solicitarlle formalmente explicacións por escrito de cales foron os motivos da súa forma de actuar no termo municipal de Cervo durante os tres días que se rexistraron as choivas torrenciais na comarca.
Segundo explicou Villares, unha vez pasada unha semana do sucedido e despois de ter restablecida a normalidade máis urxente no concello “é momento de que a Deputación provincial responda pola súa actitude durante os días 10 e 11”. O rexedor explicou que o pasado xoves, 10 de xuño, quixo poñerse en contacto co presidente da Deputación para trasladarlle os problemas que se estaban producindo nos viais de titularidade provincial no concello de Cervo, “pero non me foi posible e me trasladaron a un asesor seu, ao cal lle comuniquei ditos problemas” indicou o rexedor.
Ese mesmo xoves, día 10, o alcalde recibiu un número importante de chamadas de veciños indignados “porque ao parecer se estaban dando ordes para desviar as augas que ían á zona de Burela cara a San Román, co conseguinte asolagamento desa zona e máis concretamente do núcleo do Eixo”. Nese mesmo momento, o rexedor púxose en contacto urxente coa Policía local para que se acercaran ata o lugar onde dicían os veciños que se estaba desviando as escorrentarías das choivas “e lles digo que si iso é certo, que paren inmediatamente ditos traballos e que se restableza o discorrer natural das augas… Despois dun tempo póñense en contacto comigo os axentes da policía local para dicirme que era unha pala da Deputación a que estaba facendo eses traballos, que xa tiñan feito unha serie de canalizacións, pero que ditas canles foran restablecidas á súa normalidade unha vez llo requiriron os axentes”.
Pero segundo o alcalde, o seu “asombro e decepción” chegan ao día seguinte, venres 11, cando ve nos xornais que o presidente da Deputación estivera o día anterior no concello vendo os estragos “e a pesar diso en ningún momento se puxo en contacto comigo, e dicir, co representante de tódolos cervenses”. Ese mesmo día Villares intenta novamente falar con Besteiro para darlle a coñecer ao presidente do organismo provincial o seu malestar por este proceder seu, “pero tampouco fun quen de falar con el e dende a Deputación só me daban a oportunidade de falar novamente cun dos seus asesores, cousa á que me neguei e lles pedín que lle dixeran que se puxera en contacto comigo cando el quixera e puidera”.
O alcalde cervense dixo que a día de hoxe, “pasada unha semana do acontecido” o presidente da Deputación aínda non se puxo en contacto con el, “a pesar de intentar facelo eu en reiteradas ocasións e a pesar tamén de terllo solicitado a través dos seus asesores” e afirmou que “nos peores momentos de choivas, a Deputación provincial, co seu presidente á fronte, non só se adicou a esquivar a comunicación directa comigo, se non que veu ás agachadas ao Concello, eludíndome de forma premeditada e non contento con iso, ademais, se adicou a mandar maquinara da Deputación a anegar un núcleo de poboación do noso municipio para favorecer e para atender as chamadas de axuda doutro alcalde… Por iso, vou mandar esta queixa á Deputación para que se me dea coa maior prontitude explicacións do acontecido polo ben da decencia das institucións e para que este tipo de actuacións non se volvan a repetir”