Lugo, 26 de xullo de 2021. O Partido Popular propón ao goberno provincial o deseño conxunto con AJE Lugo dun convenio de colaboración para completar e executar os proxectos recollidos na candidatura que está elaborando esta asociación de cara a obter financiamento a través dos Fondos Next Generation coa finalidade de contribuír á reactivación e á recuperación económica da provincia. Neste senso, a proposta dos populares inclúe, ademais, a creación dunha comisión de seguemento, da que formen parte os representantes dos empresarios, así como todos os grupos políticos para garantir a execución e os proxectos que conleve o acordo.
“A Deputación non pode permanecer impasible ante o futuro da provincia. Agardamos que se apoie esta iniciativa da que somos coñecedores. Tivemos varias reunións e parécenos moi importante o que propoñen; primeiro, porque vén por mozos empresarios e con proxectos de vida para a provincia, incluído o rural; e, segundo, porque é moi necesario ter un proxecto integral que integre a mellora da conectividade, de sistemas para a gandaría, etc”, afirma o voceiro Javier Castiñeira.
A este respecto, o popular defende que o organismo provincial “ten que empezar a traballar xa da man deste proxecto”, pois, engade, existe “un silencio absoluto dos proxectos que vaia levar”, xa que “o único partido que está a falar destes fondos é o PP”. Por iso, agarda Castiñeira, “que desta vez si, o goberno de PSOE e BNG si estean a favor do tecido económico e empresarial mozo e emprendedor”.
140 millóns de euros
Para axudar a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia do coronavirus, os dirixentes da UE acordaron un plan de recuperación que liderará o camiño para a saída da crise e sentará as bases para unha Europa moderna e máis sostible. España vai recibir 140.000 millóns de euros entre transferencias e préstamos. Esta dotación económica, equivalente ao 11% del PIB, servirá para financiar proximamente proxectos que vaian na liña da transformación dixital, a reindustrialización, pacto verde a favor de enerxías limpas e promoción da igualdade.
Para contribuír ao desenvolvemento da provincia coas mesmas oportunidades débese ampliar o máximo a cobertura territorial dos investimentos destinados á recuperación fronte á pandemia e Lugo conta cunhas acusadas peculiaridades xeográficas e demográficas, entre as que destaca a dispersión territorial. Esta circunstancia implica unha maior necesidade de investimentos per cápita para deseñar e financiar os servizos públicos. E, por outra banda, está demostrado que un investimento no rural supón un gran beneficio para o conxunto do territorio e contribúe a fixar poboación. En consecuencia os Fondos Next Generation EU, tal e como expoñen dende o PP, representan unha oportunidade de financiación extraordinaria para a reactivación económica da provincia.
Implicación da Deputación
A Deputación de Lugo recibirá fondos europeos destinados á reconstrución e resiliencia para os obxectivos sinalados, que deben ir dirixidos ás necesidades da provincia en ámbitos como a cobertura telefónica, conectividade, aplicación das novas tecnoloxías á agricultura e á gandaría, á dixitalización da provincia (en particular das empresas), avances no sistema de mapeo e programas de Marketplace onde se poidan comercializar os produtos autóctonos.
O Grupo Provincial do PP é coñecedor de que a Confederación Española de Asociaciones de Jóvenes Empresarios (CEAJE) deseña unha candidatura de proxectos pensada, en xeral, para todo o territorio nacional e que dende a Asociación de Jóvenes Empresarias y Empresarios de Lugo (AJE Lugo) están a desenvolver a mesma tendo en conta as casuísticas concretas e particulares da provincia; candidatura de proxectos que se corresponden coas necesidades de Lugo nos termos sinalados nas liñas anteriores.
Por iso, consideran que a Deputación debe involucrarse para apoiar e impulsar a execución dos mesmos e obter o financiamento correspondente con cargo aos fondos europeos dispoñibles, coa finalidade, entre outras, de fomentar o emprendemento e a creación de empresas por persoas mozas e lograr a fixación da poboación no rural.