25 de xullo. Celébrase o Día Nacional de Galicia, o día da patria en toda Galicia. Na pequena vila periférica onde vivo hai xente que o irá celebrar a Santiago, a capital. Pero, a capital non é Madrid? Si, a do estado.P ero estamos a falar dunha capital periférica, a capital dunha rexión periférica, o mesmo que Madrid, aínda que capital do estado español, non deixa de ser periférica en Europa. E, na actualidade, Europa e as súas vilas tamén o son en relación ós EEUU e cada vez máis fronte á China e as súas respectivas capitais. Periferia da periferia da periferia da periferia…
Non se trata de amolar neste día de celebración, e menos aínda de espallar un sentimento de derrotismo. É a constatación de que na estrutura social a nivel mundial, existen centralismo e periferia, e nós somos parte da periferia. Algo que, estimo, só en pequena parte se podería amañar cun estado propio ben levado (daría tema para tratalo de xeito abondo máis amplo, verdade?)
25 de xullo. Hai xente que vai celebralo a Santiago. E iso amosa unha dependencia interna, dentro de Galicia. Real e simbólica. E ser dependente, sexa ó nivel que sexa, implica ter que adaptarse de xeito unilateral, en troques de procurar unha adaptación mutua, ou, no outro extremo, que os outros se adapten a un. Iso mesmo que notamos en Galicia en relación a Madrid, tamén o notamos, doutro xeito, en Ribadeo con relación a Santiago (coméndonos, para moitas cousas, a ‘etapa’ intermedia de Lugo). Pero sexa dependencia dun lugar (do poder que mantén ese/dende ese lugar) ou outro, adaptarse a outros implica ir detrás, máis incertidume, peor capacidade de resposta (ó fin, estase a responder a algo alleo que non se controla) … en xeral, máis traballo e menos rendemento.
Coido que debo remarcar que non estou a pedir a independencia – ao menos, non nestas liñas – senón constatando unha realidade da que me gustaría que todos nós sairamos, que como pobo todos foramos capaces de deixar a periferia . Non para converternos á nosa vez en embigo centralista xerador de dependencias, senón para achegarnos ó vello lema non caduco da revolución francesa: liberdade, igualdade, fraternidade. A nivel de individuos e a nivel de territorio, a nivel social.
Mentres, para conseguir non seguir cara abaixo, a unha periferia máis profunda, con maior desnivel fronte ó centro, necesitamos un esforzo suplementario para poder compensar a desigualdade actual. E máis se o que se pretende é subir pola escada cara ó centro. Somos conscientes de que o orgullo de ser galegos – un dereito – leva aparellado un deber, un esforzo?
Claro, e non se trata de traballar arreo sen máis, senón con definición de obxectivos, plan para logralos… Mentres, a festa rachada do 25 de xullo será un mirarse o embigo como centro do noso mundo mentres as comunicacións físicas e dixitais co Mundo son cada vez máis penosas.