Viveiro, 24 de xullo, 2021. O sector turístico e un dos eixes fundamentais da economía do concello de Viveiro, sendo prioritaria a recuperación do mesmo, dada a súa incidencia na hostalería, no comercio e no conxunto do sector servizos en xeral.
Neste sector, cada vez máis competitivo, moitos concellos de Galicia ofertan o uso e desfrute das praias dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, con accesos en óptimas condicións e tódolos servizos en funcionamento: socorristas, limpeza, contedores, papeleiras e duchas.
No caso do concello de Viveiro, catalogado como de excelencia turística, esta oferta redúcese a dous meses, o espazo de tempo comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Este feito ocasiona que Viveiro compita en inferioridade de condicións en relación os concellos que ofertan tamén os meses de xuño e setembro.
Valoramos positivamente que Viveiro conte cunha importante rede de
establecementos de hostalería, rede que será moito mais competitiva si se logra desestacionalizar o turismo e non limitalo unicamente aos meses de xullo e agosto.
Así mesmo, en numerosas vilas e cidades a nivel mundial, colócanse en lugares estratéxicos grandes paneis ou valados co nome da cidade.
Dende Por Viveiro, realizamos a proposta de instalar unhas letras co nome de Viveiro, nos Xardíns Noriega Varela, realizadas nun material e nun tamaño acorde co entorno no que se ubicarían, ao carón da Porta de Carlos V, co obxectivo de que veciñas, veciños e visitantes, podan tomar as súas fotografías, para logo difundilas a través das redes sociais, o que suporía unha publicidade turística enorme, cun custo moi reducido.
Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal de POR VIVEIRO traslada a seguinte proposta de acordo para a súa aprobación en pleno:
1. No ano actual, adopción das medidas necesarias para estender o uso horario das praias con tódolos servizos en funcionamento ata o 30 de setembro.
2.- Para os anos vindeiros, establecer as datas comprendidas entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, como tempada de uso e desfrute das praias con tódolos servizos en funcionamento.
3.- Instalar un letreiro co nome de VIVEIRO nos Xardíns Noriega Varela, conforme á proposta, co obxectivo da difusión turística do nome da nosa Cidade nas diferentes redes.