Nota de Prensa
Veiga considera que o perfil de Ínsua non parece o máis acaído para dirixir un Hospital Público
O BNG preguntará a Farjas sobre o relevo do Xerente do Hospital.
O Parlamento de Galiza debate o Martes a iniciativa da Plataforma Sanitaria
O vindeiro Martes 22 de Xuño o pleno do Parlamento de Galiza vai debater unha moción do Bloque Nacionalista Galego no que se insta ao Goberno da Xunta a que garanta unha área de xestión integrada única para a Mariña, que conte cun xerente non executivo, así como que asuma a ampliación real do Hospital da Costa e número de camas, implantación da Unidade de Oncoloxía, ampliación de Hemodiálise, pleno funcionamento da Consulta Maior Ambulatoria, unha Resonancia Magnética fixa, a hospitalización a domicilio, a posta en funcionamento dos servizos de tarde, os aumentos de plantilla e por suposto o reforzo e mantemento de tódolos servizos e unidades existentes tanto de Atención Primaria como de Especializada.
A proposta dos nacionalistas xurde da reunión mantida coa plataforma sanitaria da Mariña cos grupos parlamentarios e da encomenda da mesma a que estes elevaran a cámara galega as súas reivindicacións. Segundo explicou Antonio Veiga “ a proposta de resolución que se vai discutir no Parlamento coincide na súa literalidade coas mocións que se están a discutir nos concellos da Mariña, sendo apoiadas en varios deles, e que tamén foi referendada pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo. Aquí non só estamos a defender que o Hospital da Costa non pase a ser unha sucursal de Lugo senón que se execute o Plano Director do Hospital e que se dote ao mesmo de medios dos que carece e que curiosamente o PP demandou con insistencia na etapa anterior.É lamentábel que o PP se sitúe enfronte dos veciños da mariña opoñéndose a cousas tan necesarias como o que Hospital conte con máis medios e con novas especialidades”.
O Responsábel Comarcal do BNG denunciou os problemas que se dan en hemodiálise o que obriga os continuos desprazamentos a Lugo de moitos enfermos renais en condicións e horarios propios doutros tempos, ou a paralización da implantación da Unidade de Oncoloxía xa comprometida polo Goberno bipartito, a externalización de determinados servizos ou que o problema das autopsias siga sen resolverse a pesar dos anuncios do Sr. Balseiro. “Están a converter a nosa saúde nun auténtico negocio no que as persoas non importamos senón o lucro e o beneficio da sanidade privada” aseverou Veiga quen advertiu “que a entrada en funcionamento do novo Hospital de Lugo vai significar novos recortes nos servizos que se prestan en burela así como o desprazamento ao novo complexo Hospitalario de especialidades e facultativos que ate agora prestaban a súa atención en Burela. Por iso o 26 de Xuño xogámonos que Burela e A Mariña conte cunha sanidade como se merece ou que a sanidade na Costa pase a ser unha mera sucursal de Lugo. Só unha resposta masiva da sociedade Mariñán na manifestación convocada para esa data pode garantir unha mudanza no proceso”.
O Bloque Nacionalista Galego anunciou tamén que van solicitar a presenza da Conselleira no Parlamento para que explique as razóns que motivaron o cambio de Xerente no Hospital da Costa, na perspectiva que se aclare se este ten que ver cunha reorganización administrativa, ou agocha outro tipo de motivacións. “Un cese fulminante como o que se deu co cambio de toda a equipa anterior cando a penas ten transcorrido un ano, non entra dentro da normalidade do funcionamento dunha administración pública. Farjas ten que aclarar que está detrás do novo nomeamento” recalcou Veiga. Na mesma liña o Portavoz Comarcal do BNG afirmou que “ o perfil de Insua como xerente dun Hospital público non parece o máis acaído agás que se pense que ninguén mellor que o raposo para coidar do galiñeiro”. Xa por último desde o BNG demandaron que o Goberno galego debe aclarar isto antes de que remate o actual período de sesións, si efectivamente non ten nada que agochar.