Ribadeo, 15 de xullo de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o apoio do Goberno galego para contribuír á viabilidade das salas de cine tralo impacto que tivo a pandemia na súa actividade.
No transcurso dunha visita os Cines Ribadeo, que reabren esta fin de semana despois de máis dun ano pechados como consecuencia da crise sanitaria, Arias subliñou que o Plan de reactivación da cultura presta especial atención ao sector audiovisual con seis liñas de axudas para apoiar as distintas fases do proceso, desde a creación ata a exhibición en espazos privados ou festivais.
Nesa liña, referiuse á nova orde de achegas activada este ano para colaborar coas salas de cine, que na comarca da Mariña beneficia aos Cines Ribadeo con 7.400 euros e a Cinesa Viveiro con 10.000 euros. As axudas van dirixidas a financiar accións de adaptación dixital, cumprimento das medidas sanitarias, campañas promocionais, reforzo de producións galegas e europeas e oferta de descontos ou convites a público infantil, xuvenil ou a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.