Viveiro, 9 de xullo de 2021. A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a Xunta licitará a finais de ano as obras de renovación das cubertas do albergue xuvenil de Area, en Viveiro. Este anuncio realizouno durante a súa visita esta tarde ás instalacións, onde ser está a celebrar a primeira quenda de campamentos de verán para mozas e mozos de entre 14 e 15 anos.
Fabiola García lembrou que o Goberno galego realizou xa unha importante renovación da carpintería exterior deste albergue xuvenil no ano 2019. Deste xeito, xunto co cambio das cubertas que se realizará a finais deste ano, a Xunta investirá preto de 500.000 euros en mellorar as instalacións.
A conselleira apuntou que con estas obras búscase darlle ás mozas e mozos que cada ano elixen este albergue unhas instalacións de luxo, “á altura da súa contorna”. Así mesmo, lembrou que este albergue é un dos máis demandados cada ano. Esta edición volve a ter completas as cinco quendas de campamentos.
Campaña de verán
Por outro lado, Fabiola García lembrou que a Xunta volveu apostar este ano polos campamentos e aumentou en 1000 as prazas ofertadas nas diferentes actividades de campaña de verán ata un total de 7800. Así mesmo, neste ano manterase e reforzarase o protocolo específico fronte á covid-19 para facer destas actividades unha opción de ocio seguro.
A novidade deste protocolo é que os participantes e os monitores deberán realizar unha proba de antíxenos totalmente gratuíta á súa entrada no campamento. Durante a pasada edición non se rexistrou ningún caso positivo nin entre os seus participantes nin entre os profesionais.
Minicampamentos ‘Coñece Galicia’
A conselleira lembrou que as familias que quedaran sen praza nos campamentos da Xunta aínda poden solicitar un dos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ para os que o prazo de continúa aberto. Esta alternativa permite estadías de cinco días en establecementos turísticos de toda Galicia. Na comarca da Mariña ofrécense estadías no concello de Foz.