Lourenzá, 9 de xullo de 2021. O claustro do mosteiro de San Salvador acollerá o día 17 deste mes, sábado, a partir das 11 da mañá unha xornada sobre Francisco Fernández del Riego. No evento intervirán grandes coñecedores do escritor laurentino: Manuel Román Ramos, Francisco Domínguez Martínez, Xosé López González, Malores Villanueva Gesteira e Antón Vidal Andión. Para asistir as xornadas hai que inscribirse previamente a través do teléfono 649.28.17.91 ou do correo electrónico patrimonio.laurentino@gmail.com.
Esta actividade, que está organizada polo Concello de Lourenzá e a Asociación Patrimonio Laurentino, foi presentada na tarde de hoxe, venres, na Praza do Conde Santo, xunto ao monólito de Fernández del Riego. No acto participaron a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; o concelleiro de Cultura, Manuel Arango; os representantes da Asociación Patrimonio Laurentino Miguel Gavín e Vidal Martínez-Sierra, e a autora do cartel da xornada, a deseñadora Codés Lillo.
Rocío López anunciou que “neste acto, que se vai celebrar o vindeiro 17 de xullo, vaise recordar a figura de Francisco Fernández del Riego, fillo predilecto de Lourenzá. Faise en colaboración coa Asociación Patrimonio Laurentino e nel estarán presentes distintas figuras que tiveron relación, que escribiron e que coñeceron a Don Paco”.
A rexedora agarda que “esta xornada sexa un pasiño máis para poder conseguir que se lle dedique o Día das Letras Galegas, que xa sabemos que non vai ser o vindeiro ano 2022, pero si que esperamos que sexa pronto e se poida celebrar”.
Miguel Gavín explicou que esta xornada “será o primeiro dunha serie de actos sobre a figura de don Francisco Fernández del Riego, don Paco para Lourenzá. Reivindicamos que se lle dedique o Día das Letras Galegas, pero non só iso senón que queremos que a súa memoria perviva porque foi quizais a persoa máis importante para o galeguismo e para o idioma galego e tivemos a sorte de que nacera no noso concello”.
O representante da Asociación Patrimonio Laurentino destacou que neste evento dedicado a Fernández del Riego “conseguimos aglutinar os puntos máis importantes do seu ciclo vital: Malores Villanueva, que vai falar da vida del ao servizo de Galicia; a Fundación Penzol, que foi a súa casa, algo que el fundou, onde tiña o seu despacho, onde el traballaba; Editorial Galaxia, que el axudou a fundar e onde se publicaron os seus traballos; e tamén a súa relación coa nosa vila, e diso vanse ocupar xente moi vinculada a el, tanto en Galaxia como en Penzol e Malores Villanueva, que ao final foi o seus ollos, cando el xa non vía, cando a lupa aquela gorda que el usaba xa non chegaba. Remataremos o acto cos seus bibliógrafos, dous rapaces que naceron en Lourenzá e que foron os que fixeron un libro cando se nomeou fillo predilecto a Del Riego e outro a raíz do seu pasamento, as obras Vivir unha vida e Lume aceso. Ese lume aceso é o que queremos seguir tendo e por iso organizamos estes actos”.
Gavín indicou tamén que a actividade desenvolverase “ao aire libre, no claustro do mosteiro, que é un espazo amplo, e evidentemente vamos gardar todas as medidas de seguridade que establecen as autoridades”.
A autora do cartel é a deseñadora local Codés Lillo, que contou: “normalmente fago os carteis da Asociación Patrimonio Laurentino e intentei seguir un pouco esa liña, engadindo ilustración de Fernández del Riego e da praza Linares Rivas, que é onde naceu”.
Codés Lillo dixo: “gústame participar nestas cousas, axudar, e máis si se trata de lembrar a persoas tan importantes do noso pobo”.