Viveiro, 9 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro informa que no día de onte se adxudicou a execución das obras de mellora de viais de titularidade municipal das parroquias de Vieiro e Galdo, incluídas dentro do ‘Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022’, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
“A mobilidade nos camiños do rural é moi elevada, por iso desde o concello renovamos de forma continua a rede viaria, facilitando as comunicacións e reducindo o risco de accidentes”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O proxecto para estas actuacións conta cun orzamento de contrata de 63.425,37 euros e contempla a execución de obras de mellora na Pista de Borralleiros, en Vieiro; e do Camiño da Veiga, Camiño do Cárcere e Pista da Pedrosa, en Galdo.
As obras que se pretende realizar nestes camiños consisten en labores de mellora, mediante o reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axustadas ás características do tráfico rodado que soportan, así como de mantemento, tanto do firme existente mediante o bacheo de determinadas zonas como de mantemento das marxes dos camiños mediante a limpeza de cunetas.