Ribadeo, 2 de xullo de 2021. Hoxe foi presentada a nova tempada do tren turístico de Ribadeo, que funcionará ata mediados de setembro, ofrecendo oito viaxes diarias para achegar aos visitantes aos enclaves máis emblemáticos da vila. No acto participaron xunto ao alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, e o propietario da empresa que xestiona o tren, José Antonio Neira.
O edil de Turismo declarou que “se bota a andar o tren turístico de Ribadeo que é unha atracción que se enmarca dentro das actividades turísticas promovidas polo Concello de Ribadeo en diversos ámbitos, no ecoturismo, nas visitas guiadas… É unha actividade moi complementaria que é moi ben recibida tanto polos turistas como polos veciños e veciñas de Ribadeo. Quero recordar que o tren realiza oito saídas diarias e está en funcionamento todos os días. Fai un percorrido moi completo polo centro de Ribadeo, polo porto, chega incluso ata o faro da illa Pancha, onde fai unha parada para poder sacar unha fotografía con esas vistas magníficas, e volve ao centro facendo un percorrido especialmente pola zona indiana na rúa de San Roque”.
Pablo Vizoso salientou que “como unha das súas características importantes, hai que reseñar que, ao longo do percorrido, os usuarios poden desfrutar dunha alocución que lles vai dando unha imaxe e información sobre a realidade urbanística e histórica de Ribadeo. Quero animar a todas as persoas que nos visiten este verán e a todos os veciños e veciñas de Ribadeo e da nosa contorna a que desfruten desta atracción porque permite gozar placidamente dos encantos da vila de Ribadeo”.
O propietario da empresa que xestiona o tren, José Antonio Neira, manifestou que “imos intentar volver á normalidade, intentaremos facer todas as viaxes e esgotar o tempo ata o 15 de setembro, a ver se é posible, esperemos que si. As viaxes van ser ás once, ás doce e á unha, como xa eran, e pola tarde ás catro, ás cinco, ás seis, ás sete e ás oito. Esperemos que o tempo nos axude e que o turismo por fin nos volva para a zona. Pido para o tren, pero tamén para todos porque está todo o mundo desexando que funcione A Mariña, tanto restaurantes como hoteis e todas as actividades que haxa. Aquí estaremos poñendo o noso grao de area para ensinar Ribadeo”.
José Antonio Neira sinalou que “imos facer a ruta que facíamos xa anteriormente, que era saír da oficina de turismo explicando o que é o concello, a baixada ao porto deportivo, o Forte de San Damián e o faro, onde paramos sempre dez minutos para sacar unhas fotos e desfrutar das vistas. Despois volvemos ao pobo pola rúa de San Roque, porque é emblemática para Ribadeo, e logo volvemos á base polo porto pesqueiro. Neste 2021 imos conservar os mesmos prezos: 4 euros para os nenos, 5 euros para os maiores de 65 anos e 6 euros para os adultos”.