BURELA .- A corporación municipal do concello de Burela aprobou por unanimidade o “Plan para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”. Según a responsábel municipal de igualdade, a nacionalista Neves Cando, esta nova iniciativa ten tres liñas de actuación e pretende “afondar no acceso á información e aos recursos, a formación en igualdade entre homes e mulleres e a abordaxe integral da violencia de xénero”.
Nota de Prensa
O PLENO APROBOU POR UNANIMIDADE O 2º PLAN PARA A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE HOMES E MULLERES DE BURELA.
Burela, 31 de outubro de 2008. O pleno do Concello aprobou por unanimidade o 2º Plan para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres de Burela. Segundo a edil de Igualdade, Neves Cando, <este 2º plan que chega despois do 1º que se realizou dos anos 2005 ao 2007 para afondar en tres novas liñas de actuación: o acceso á información e aos recursos; a formación en igualdade entre homes e mulleres e a abordaxe integral da violencia de xénero>. A concelleira nacionalista considera que <para que a igualdade sexa real e efectiva hai que actuar nas actitudes, nos comportamentos e nas estructuras sociais que impiden moitas veces ás mulleres o desenvolvemento da súa personalidade e a participación activa nesta sociedade. Desde o Concello temos a obriga de realizar actividades e prestar servizos que contribuirán a satisfacer as necesidades e demandas dos nosos veciños e veciñas incluindo esta promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres>.
Liñas de actuación
-Acceso á información e aos recursos. Neves Cando explica que <para garantir que homes e mulleres teñan acceso áxil a eles poremos en marcha campañas de información sobre os recursos que xa hai, coma o 5º plan para a igualdade do goberno galego, este 2º plan noso, o servizo de educadora familiar, o CIM, o centro Quérote ou a aula da familia que temos na Casa da Cultura. Queremos garantir o acceso ás novas tecnoloxías para diminuir esa afrenta dixital que nestes temas ainda hai entre as nosas mulleres>.
-Formación en igualdade entre homes e mulleres. <Algo que supón espertar a conciencia crítica sobre as actitudes discriminatorias e camiñar contra un cambio cultural que garanta esta perspectiva de xénero. Faremos campañas xenéricas sobre esta perspectiva e a igualdade, sobre a importancia da linguaxe non sexista…ofreceremos formación específica en materia de xénero e igualdade no ensino porque hai que empezar pola base para crear futuro. Dita formación estará centrada no persoal docente da escola infantil e dos centros de ensino de Burela e tamén ofertaremos formación en igualdade entre mozos e mozas e os seus pais e nais>, segue a contar a responsable de igualdade burelesa.
-Abordaxe integral da violencia de xénero. Neves Cando cre que con esta liña de actuación <será posible previr e abordar esta violencia desde as súas distintas causas, tipoloxías, manifestacións e consecuencias, e temos tres obxectivos: a sensibilización, a formación e a concienciación. Neste último imos centrarnos na nosa mocidade con obradoiros de habilidade e relacións sociais destiñados á aprendizaxe das relacións respectuosas… teñen que aprender a amosar os sentimentos e a resolver pacíficamente os conflictos e a valorar a igualdade entre homes e mulleres coma eixo central do desenvolvemento humano. Tamén incluimos unha formación e actualización de coñecementos para catro colectivos básicos no noso organigrama municipal: os profesores, a policía local, os traballadores dos servizos sociais e os da rede de información xuvenil>.
Neves Cando define este 2º Plan coma <un compromiso e unha responsabilidade compartida entre homes e mulleres e xuntos traballaremos para facer deste compromiso unha realidade colectiva de xustiza social>.