NOTA DE PRENSA:
Barreiro require a comparecencia urxente de Besteiro ante o pleno provincial para que explique qué está a pasar na Deputación
Lugo, a 15 de xuño de 2010.- O voceiro do grupo provincial do Partido Popular compareceu hoxe en rolda de prensa para amosar a “enorme preocupación” que están a suscitar as informacións que se están a publicar en diversos medios de comunicación sobre as presuntas irregularidades que se están a rexistrar na Deputación de Lugo.
José Manuel Barreiro suliñou que a gravidade dos feitos fai obrigado que o máximo responsable da administración provincial, José Ramón Gómez Besteiro, dé explicacións ó respecto “por moito que el tente evitalo”. Así, anunciou que o seu grupo solicitará a súa comparecencia urxente ante o pleno para que aclare que é o que está a pasar.
“O presidente da Deputación non pode eludir a súa responsabilidade. Dixémosllo repetidamente a finais do pasado ano cando tiveron lugar as detencións de dous integrantes do seu equipo de goberno, o responsable das estradas e a vicepresidente segunda; repetinllo onte a raíz dunha información periodística na que voltaba a sair o nome de Valiño, acompañado desta vota do secretario provincial dos socialistas lucenses, Ricardo Varela, quen últimamente estase a prodigar moito en asuntos presuntamente irregulares, e volto a insistir hoxe”, explicou.
O voceiro dos populares na Deputación suliñou que, ademais do procedemento xudicial aberto por estas presuntas irregularidades “co que, como non podería ser doutro xeito, somos escrupulosamente respetuosos”, hai que ter presente que está tamén en xogo o prestixio da institución e a honorabilidade das persoas que integran o equipo de goberno. “É neste segundo aspecto”, apuntillou, “no que lle estamos a reclamar explicacións ó Sr. Besteiro”.
Barreiro insistiu tamén na “gravidade” das acusacións derivadas da declaración dun técnico da administración provincial incluidas no sumario e das que dá conta hoxe un medio de comunicación, pero asegurou non causarlle extrañeza. Neste senso lembrou que o GPPP leva meses advertindo que na área de vías e obras non se estaba a proceder axeitadamente e non só polo feito de que no reparto de fondos sairan sempre mellor parados os concellos nos que non gobernaba o Partido Popular, senón porque había certos procedementos que se estaban a desenvolver de xeito irregular.
Puxo coma exemplo o visto bo que se lle estaba a dar ás certificacións de obras por medio de acopios ou mesmo os traballos de mantemento que se estaban a facer na rede provincial de estradas.