BARREIROS (FNC) .- O Eido Dourado acollerá este verán veladas musicais e visitas guiadas, segundo ven de anunciar o artista barreirense Celso Dourado. Este espazo adicado ao arte abre de novo as súas portas o vindeiro sábado 19 de xuño cun acto para todo o público que se desenvolverá nos xardíns e no que se combinarán música, poesía e arte.
Celso Dourado sinala que “o Eido Dourado volta co xardín renovado, pero sobre todo coa exposición pictórica na que aporto unha serie de técnicas novidosas cunha forte tendencia á cor”. O artista de Barreiros suliña que “o Eido non está concebido coma un museo, é un espazo que a mesma palabra define, aquelo material e inmaterial que rodea á propia persoa, onde a creación plástica que se expón está acompañada dunha tamén creación arquitectónica e dun desarrollo paisaxístico. Todo eso é o que compendia realmente o Eido e a propia singularidade do espazo en sí”. Dourado lembra que “o ano pasado achegáronse ata aquí unhas 4.000 persoas, é un éxito rotundo para un espazo que se inicia nun entorno rural e na zona das praias. Eu quedei abraiado coa repercusión que tivo a apertura do Eido”.
O artista anima “á xente que se pasou polo Eido Dourado a que volte porque o xardín foi renovado, a estructura constructiva tamén e a exposición igualmente. O meu reto cando concebín o Eido foi renovar todos os anos a exposición que é a miña principal aportación”.
Celso Dourado anuncia que “este verán haberá veladas musicais no xardín de grava para unhas 40 persoas máis ou menos e ás que pretendo traer especialmente cantautores. E tamén imos ter visitas guiadas porque penso que son moi importantes. O encontrarse co autor da obra que lles vai explicar cómo foi realizada e o que trata de expresar con ela é fundamental. Esta idea xurdiu da experiencia do ano pasado na que vimos que se demandaba esa explicación da obra, o que quería expresar con elas e a súa realización técnica”.
Celso Dourado ultima os detalles do acto de reapertura do Eido Dourado que terá lugar o vindeiro sábado 19 de xuño a partires das sete da tarde “e ao que están convidados todos os que queiran asistir. É algo aberto a todo o mundo”.