Ribadeo, 21 de xuño de 2021. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, anunciou que o vindeiro 10 de xullo entrará en vigor a nova ordenanza sobre o uso das praias. O Concello colocará estes días nos accesos aos areais carteis coa prohibición de aproximarse aos cantís. O edil explicou que tamén estará prohibida a presenza dos cans nas praias do 15 de maio ao 15 de setembro e durante a Semana Santa. Ademais hoxe deron comezo as probas de selección dos 17 socorristas, 1 coordinador e 3 técnicos sanitarios, que prestarán servizo nas praias durante o verán.
O concelleiro de Medio Ambiente dixo que “no último pleno se aprobou definitivamente a ordenanza de uso das praias do Concello de Ribadeo, que a partir do 10 de xullo entrará en vigor. Quero salientar o que ten que ver cos cantís xa que, dada a especial orografía da costa ribadense co conseguinte perigo de producirse algún desprendemento, hai unha prohibición de carácter xeral de aproximarse aos cantís durante a permanencia nas praias. Con todo isto, o Concello sinalizará este perigo de desprendementos na entrada de cada areal”.
O edil ribadense contou que “ademais hoxe empezan as probas de selección dos socorristas, 17 que necesitamos, 1 coordinador máis 3 técnicos sanitarios. Para 6 imos contar coa cooperación da Xunta. A tempada de baño empezará o 1 de xullo e irá ata o 31 de agosto”.
Jorge Díaz manifestou que “na nova ordenanza tamén vai o relativo aos cans. Entre o 15 de maio ata o 15 de setembro e tamén na Semana Santa estará prohibida a permanencia dos cans nas praias. Hai, como en toda norma, unha exclusión nesa prohibición e é que se poderá circular cos cans por sendeiros e camiños que estean habilitados na contorna das praias, sempre e cando vaian suxeitos coa correa e cumprindo as restantes normas que resulten na súa aplicación. Quero ser bastante claro en isto para que non haxa ningún malentendido”.
Díaz Freije engadiu que “estamos a traballar para preparar as praias. Esperemos que vaia todo ben e que outro ano máis desfrutemos deste entorno tan precioso que temos no concello de Ribadeo”.