Ribadeo, 18 de xuño de 2021. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o campamento xuvenil A Devesa para a posta en valor das obras que se están a executar para o acondicionamento das instalacións. A Xunta de Galicia destinou máis de 136.000 euros para a realización destas reformas.
Durante a visita, Cristina Pichel puido supervisar os labores de mantemento levados a cabo neste campamento, como a pintura interior e exterior dos barracóns, ao que se destinaron máis de 48.000 euros; o acondicionamento do camiño da entrada principal, no que investiron 25.700 euros; ou os traballos de carpintería, reparación de aseos e revisión das instalacións eléctricas, cun custo de máis de 26.000 euros.
Neste campamento lévanse a cabo actividades como surf, bodyboard, escalada en rocódromo, tiro con arco, xincanas acuáticas, obradoiros de reciclaxe para a conservación do medio e concursos de talentos, entre outras actividades.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado subliñou, neste sentido, a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro das mozas e mozos galegos durante a temporada estival.
Este campamento dividirase en sete quendas que ofrecerá ata 365 prazas e estará repartido do 1 e o 10 de xullo, do 15 ao 24 de xullo, do 29 de xullo ao 7 de agosto, e por último do 12 de ao 21 de agosto.
O voceiro, Daniel Vega, xunto a outros membros do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, acompañou á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, na súa visita ás instalacións do albergue xuvenil da Devesa onde destacou que “a Xunta inviste máis de 136.000 euros para o acondicionamento deste espazo que recibirá outro ano máis aos mozos e mozas que participan nos campamentos xuvenís da Xunta e que tamén está aberto aos distintos colectivos deportivos, culturais e ás distintas asociacións da vila e do rural”.
O popular explica que “o Goberno galego está a executar melloras para o seu acondicionamento coma a aplicación de pintura en interiores e exteriores, a instalación de peanas, traballos de drenaxe e o acondicionamento da estrada de acceso”.
Vega defende “un traballo serio e responsable de cara á mellora das instalacións da nosa vila” e sinala que “seguimos empeñados en buscar orzamento para Ribadeo e para mellorar o noso día a día”.