A Mariña, xoves 17 xuño. Na mañá de hoxe o BNG presentou en rolda de prensa en San Cibrao unha campaña que está a desenvolver tamén por todo o país e que tén como obxectivo a adopción de medidas pola Xunta e polo Goberno do Estado para frear a escandalosa e aberrante subida da factura da luz nun país excedentario en enerxía como é Galiza.
No arranque desta campaña estiveron presentes o deputado mariñao no Parlamento Daniel Castro, a responsable comarcal e alcaldesa de Barreiros Ana Ermida e o alcalde de Muras Manuel Requeixo, os concelleiros nacionalistas de Cervo Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, e outr@s representantes do Bng na Mariña.
Tarifa Eléctrica Galega para abaratar a factura da luz a particulares e empresas
Desde a formación nacionalista demandan unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para galegas e galegos en beneficio de consumidores particulares e das nosas empresas de maneira que se compense o papel de Galiza como excedentaria na producción eléctrica. Así mesmo piden modificar a Lei do sector eléctrico e os últimos cambios tarifarios de maneira que o prezo da electricidade se estipule en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía.
Creación dunha empresa pública galega de enerxía para socializar os beneficios
Demandan tamén a creación dunha empresa pública galega de enerxía. Inicialmente integrando os encoros que vaian rematando o período de concesión, así como a participación noutros ámbitos de xeración de enerxía para a socialización dos beneficios.
A baixada do IVE na factura eléctrica, do actual 21% ao 4% e a eliminación do imposto especial da electricidade é outra das reivindicacións, así como garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos. Destas propostas deu conta o deputado Daniel Castro, así como de todas as iniciativas que ao respecto levaron desde o Bng ao Parlamento.
Esta campaña, tal como afirmou a responsable comarcal Ana Ermida “vai desenvolverse por toda A Mariña nos meses de xuño e xullo con instalación de mesas para recollida de sinaturas nas rúas e prazas das vilas mariñás. Os lugares das recollidas serán previamente anunciados e convidamos a todas as veciñas e veciños a mostrar a súa disconformidade con esta abusiva suba da factura da luz”
O alcalde de Muras, Manuel Requeixo explicou tamén como no seu concello os beneficios da producción de enerxía polos eólicos repercuten na veciñanza, unha medida implantada polo goberno nacionalista de Muras, da que actualmente se benefica o 80% da veciñanza.