Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021. O Salón Teatro de Santiago de Compostela celebrou hoxe a entrega dos premios do Certame Cooperativismo no Ensino 2021, concedidos pola Consellería de Emprego e Igualdade, representada no acto pola directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca. A entrega realizouse vía streaming, coa presenza do alumnado vía telemática.
Na modalidade de actividades artísticas, na categoría de 2º ciclo de educación infantil, recoñeceuse como mellor traballo o realizado polo CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo) co título A que sabe o cooperativismo?. No caso do alumnado de 1º e 2º de educación primaria, o galardón foi para o CEIP de Laredo en Redondela (Pontevedra) por Laredópolis: a cidade dos nosos soños. O de 3º e 4º cursos de primaria foille concedido ao proxecto Historia para con-vivir do alumnado do CEIP Plurilingüe de Domaio de Moaña (Pontevedra) e ao estudantado de 5º e 6º do mesmo nivel educativo foilles entregado outro galardón por Os Limpacovids, ideado polos alumnos do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros (A Coruña).
Durante a cerimonia, os asistentes puideron desfrutar do espectáculo teatral Aibō, interpretado polas actrices Iria Pinheira e Areta Bolado, da Compañía Eléctrica.
O certame ten por finalidade difundir e promover o cooperativismo e os seus valores, como son a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Un total de 59 centros participaron nesta convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria), actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial) e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial).
No caso dos proxectos empresariais dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial a entrega dos seus galardóns realizarase o Día Internacional do Cooperativismo que cada ano se celebra o primeiro sábado do mes de xullo.