O arrepiante crime da illa canaria de Tenerife amosa a necesidade de comprendermos o concepto de violencia vicaria ou violencia por persoa interposta, definida pola psicóloga clínica e forense Sonia Vaccaro como aquela exercida polo home violento contra os fillos e fillas para danar á nai. O cesamento da convivencia xerado polo divorcio ou separación entre a antiga parella afasta moitas veces (non todas as precisas, por desgraza) á muller do control do home violento, afastamento que, ás veces, reforzase, a medio de medidas xudiciais como as ordes de protección ou administrativas ou os subsidios para a inclusión social e empregabilidade das mulleres maltratadas (salario da liberdade), que foron incluídas na Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, aprobada no 2007 polo pulo do vicepresidente e da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, os nacionalistas Anxo Quintana e Carme Adán. Unha lei a respecto da que se está a debater no Parlamento deste país unha proposta de reforma do BNG ampliando o concepto de vítima da violencia machista á vítima de violencia vicaria.
Neste contexto, coa potencial vítima da violencia machista máis ou menos afastada da súa antiga parella, ésta (o home violento) aproveitará a única fiestra de relación con ela: a relación cos fillos e fillas comúns, chegando nalgúns casos, como os recentes crimes de Tenerife, Carmona ou Moraña, ao asesinato dos fillos coa finalidade de lle xerar un dano psicolóxico irreversíbel á nai. Un dano “aló onde máis lle doe” que vai continuar todos os días da súa vida. Velaí a certa coincidencia temporal entre o asesinato da/s crianza/s e o suicido do home violento, nunha caste de cruel sinatura do seu máis sobranceiro proxecto vital: causar o peor dano á súa antiga parella.
Mais a violencia vicaria non se desenvolve sempre en termos tan extremos, senón que existen outras formas menos graves que tamén están dirixidas á xeración dese dano psicolóxico continuo á antiga parella: o adiamento e falla de pagamento de pensións alimenticias por país que poden facelo, o maltrato continuado, malia que aparentemente menor dos menores no tempo de visitas ou custodia partilllada (alimentación curta, repetitiva, pouco variada ou desaquelada dietéticamente, falla de atención ás necesidades de vestido e hixiene, abandono consciente e innecesario dos fillos ao coidado de terceiras persoas…).
É precisa, pois, unha formación integral nas cuestións atinxentes á violencia machista e, en xeral, ás cuestións de xénero, das persoas que desenvolven roles neste eido (xudicatura, avogacía, psicoloxía forense, traballo social forense…) para evitarmos que os homes violentos poidan usar do seu poder sobre os fillos, nomeadamente nas tempadas de visitas e comunicación ou de custodia partillada, de xeito que avogados e xuizas sexamos quen de identificar as condutas de maltrato machista que xustifiquen, con total suxeición aos principios de proporcionalidade e presunción de inocencia, a suspensión ou privación do dereito de visitas ou custodia partillada desta caste de homes violentos coas súas crianzas para evitarmos traxedias evitábeis como a de Tenerife.