Ribadeo, 10 de xuño, 2021. Un xardín sempre é un luxo pero máis en tempos de pandemia. É o momento perfecto para fixarnos no noso patrimonio natural, pero como temos a sorte de poder difrutalo a diario, ás veces nin reparamos nel. O Departamento de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo aproveita cada ano o xardín coma un recurso educativo pero este curso puido facerse realidade realidade un proxecto pendente: a identificación de máis de trinta especies arbóreas cuns metacrilatos que levan o nome científico e vulgar de cada especie e un código QR para enlazar cunha fichas elaborada polo alumnado nas clases de bioloxía.
Deste xeito están identificadas 30 especies arbóreas: dende sequoias ou carballos americanos ata arces xaponeses pasando polas palmeiras canarias e as árbores do amor sen olvidar algunhas das nosas especies emblemáticas coma teixos, castaños e bidueiros.
Desexamos que este traballo sirva non só para que o noso alumnado se familiarice coas especies que temos senón tamén para sensibilizar a toda a co.munidade educativa da importancia da súa conservación e agradecerlle a quen previamente tivo a sensibilidade de plantar e coidar todos e cada un dos exemplares cos que contamos. O seguinte código QR enlaza co apartado “O noso xardín” creado na web do centro.