Ribadeo, 9 de xuño de 2021. A exposición sobre mulleres músicas, realizada polo colexio ribadense Sagrado Corazón e que está aberta ao público na oficina de turismo de Ribadeo, foi inaugurada cun acto que incluíu actuacións musicais en directo. O evento tivo que facerse cun aforo moi reducido, debido as restricións motivadas pola pandemia de Covid, e por iso a organización decidiu gravalo en vídeo para que todos os que queiran poidan velo en Youtube ou a través de Facebook.
No acto interviñeron a concelleira ribadense de Igualdade, Educación e Mocidade, Mari Luz Álvarez Lastra; a coordinadora do proxecto e xefa de estudos do centro, Begoña Sanjurjo, e a directora da mostra, Mari Carmen Rodríguez Cancelo, quen ademais interpretou ao piano o tema Ánimas, composto pola tamén ribadense Carme Rodríguez, e a peza Ausencia, de Eugenia Osterberger, que foi cantada por Claudia Vizoso, alumna do colexio Sagrado Corazón.
A mostra Elas tamén soan. Ribadeo: Música en feminino pode visitarse na oficina de turismo ribadense ata o día 14 deste mes. Está aberta ao público de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.