Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021. O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde en Santiago de Compostela na constitución do Observatorio da eólica mariña, un novo instrumento que será un punto de encontro onde identificar oportunidades e analizar o impacto que suporía a instalación de parques eólicos mariños nas costas galegas. Neste sentido, a Xunta defende a unidade e o consenso e, por iso, cada paso que se dea no desenvolvemento deste sector será sometido ao acordo de todas as partes implicadas.
Tal e como defendeu o vicepresidente económico, o obxectivo é avanzar neste camiño da man do sector industrial, o marítimo-pesqueiro e as entidades e organizacións vinculadas. A conselleira do Mar engadiu que o Executivo galego apostará sempre polo diálogo, o consenso e a transparencia con todos os actores afectados para impulsar o desenvolvemento da Economía Azul e das actividades vencelladas co mar.
Ao acto asistiu unha representación do tecido industrial de Galicia, a través de Asime, así como do sector pesqueiro galego, aos que se lles trasladou que o obxectivo é garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema. Tal e como explicou a conselleira do Mar a prioridade da Xunta ante a posta en marcha de calquera actividade nova no mar é garantir a sustentabilidade das actividades xa existentes.
Para desenvolver o seu labor o Observatorio tomará como base estudos medioambientais e socioeconómicos e fomentará o diálogo con entidades nacionais, europeas e internacionais relacionadas con esta actividade. Entre as súas funcións estarán a promoción de foros técnicos de coñecemento, a creación dun espazo de información entra as administracións públicas e os sectores e a elaboración de estudos sobre oportunidades, impacto e potencial industrial.
O Observatorio está formado por representantes da Xunta (membros da Vicepresidencia segunda e das Consellerías do Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda); da industria -Asime- e do sector pesqueiro –tanto das confrarías como do Consello Galego de Pesca–.
Conde incidiu en que, aínda que Galicia conta con experiencia e capacidade instalada e o marco nacional e europeo neste contexto de transición ecolóxica convidan a afondar no desenvolvemento do sector, é o Estado ao que lle corresponde tramitar e autorizar estas instalacións.
Galicia, pola súa banda, está preparada para iniciar este camiño, sempre desde a unidade, aproveitando tamén o contexto dos fondos europeos e tratando de impulsar un Hub de eólica offshore, tal e como recolle o Pacto de Estado por Ferrol.