Ribadeo, 8 de xuño, 2021. Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor, un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5, coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o segundo Tour de Francia.
Tan só queda para os vindeiros días rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración do Museo de Atapuerca.