Viveiro, 8 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro está a recibir chamadas dalgúns veciños e veciñas que poñen en coñecemento da administración que recibiron no seu domicilio unha chamada telefónica por parte de persoas que aseguran ser persoal do Concello de Viveiro.
Segundo indican os veciños afectados, na chamada, tras facerlles unha breve unha enquisa sobre o COVID-19, ofrécenlles a venta de diferentes produtos, como xeles ou desinfectantes a un baixo custo con respecto a outros provedores, concertando hora para levárllelos á casa.
O Concello de Viveiro advirte que non se está levando a cabo ningún tipo de enquisa, á vez que se pon de manifesto que podería tratarse dunha posible comisión de actos delitivos contra o patrimonio, tales como hurtos, roubos ou estafas. Aproveitándose da confianza de manifestar ser persoal do concello, as persoas detrás destas chamadas posiblemente utilicen esta artimaña para entrar nos inmobles ou mediante engano facilitar a venta/compra deses produtos.
Polo tanto, de producirse situacións similares, dende o Concello de Viveiro aconséllase que se poñan os feitos en coñecemento das forzas e corpos de seguridade, como a Policía local, a través do 112, ou do Corpo Nacional de Policía, a través do 091.