Ribadeo, 1 de xuño, 2021. O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, visitou este martes Ribadeo onde se reuniu cos representantes de Acisa e da Federación de Comercio da Mariña. O voceiro do Grupo Municipal Popular, Daniel Vega, participou nela.
O popular agradece “a vontade de traballo das entidades a través de distintas propostas” e destaca “a colaboración por parte da Xunta de Galicia” de cara á reactivación económica de Ribadeo. De feito, sinala que a Xunta achegou 330.000 euros de axudas directas correspondentes ao primeiro plan de rescate á hostelería e ao programa de axudas para o acondicionamento de terrazas. Tamén pon en valor o Bono Comercio da Xunta e recorda que a administración autonómica achega tódolos anos 40.000 euros a Acisa, a asociación para a que o Grupo Municipal xestionou este ano un orzamento de 53.000 euros.
Vega sinalou que “vivimos tempos moi complexos porque a crise da covid ten consecuencias tanto sociais coma económicas” e, nese sentido, manifesta que “o noso Grupo Municipal continuará no mesmo camiño: no de axudar, traballar e xestionar orzamento en beneficio de Ribadeo”.